Skip to main content

Aberto ata o 8 de outubro o prazo para participar na sétima edición dos premios a TFG e TFM sobre o Camiño

Un grupo de persoas percorre unha das rutas xacobeas. FOTO: Santi Alvite
Un grupo de persoas percorre unha das rutas xacobeas. FOTO: Santi Alvite
Poderán presentarse estudantes que defenderan no curso 2023-2024 un traballo de fin de grao ou fin de mestrado en calquera universidade española ou estranxeira

Coa meta de fomentar o coñecemento histórico e actual do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, así como a promoción e difusión dos seus valores, xa está aberto o prazo de presentación de candidaturas á sétima edición do premio a traballos fin de grao (TFG) e fin de mestrado (TFM) sobre a ruta xacobea.

Este galardón é convocado pola Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da USC, froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia da Xunta de Galicia. O prazo permanecerá aberto ata o 8 de outubro, e poderá presentarse o estudantado que teña defendido un TFG ou TFM durante o curso 2023-2024 en calquera universidade española ou estranxeira.

O tema de estudo debe abordar o Camiño de Santiago e as peregrinacións baixo diversos aspectos —históricos, culturais, xeográficos, ou turísticos, entre outros—, e poderán presentarse TFG e TFM que tiveran acadado a máxima cualificación académica (sobresaliente) por parte das respectivas comisións. Entregarase un único premio en metálico de 500 euros.
 

The contents of this page were updated on 09.13.2024.