Skip to main content

A Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo reivindica o legado das escritoras que cambiaron o mundo coa súa obra

A mostra consta de diversos paneis, cada un dedicado a unha autora
A mostra consta de diversos paneis, cada un dedicado a unha autora
O centro acolle a mostra ‘8 libros 8 mulleres’ e enriquécea con dúas seccións inéditas sobre autoras lucenses e outras creadoras senlleiras da xeografía galega
Lugo

A exposición itinerante ‘8 libros 8 mulleres que cambiaron o mundo’ permanecerá na Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo ata o 31 de outubro. A mostra que foi inaugurada este xoves 17 consta de nove paneis: un introdutorio e outros oito dedicados a unha muller e a súa obra, cun breve fragmento desta. As obras recollidas son Frankenstein ou o moderno Prometeo (1818), de Mary Shelley; A cabana do tío Tom (1851) de Harriet Beecher Stowe; Abaixo as armas (1889) de Bertha Von Suttner; O voto feminino e mais eu (1936) de Clara Campoamor; Matar un reiseñor (1960) de Harper Lee; Primavera silenciosa (1962) de Rachel Carson; Eichmann en Xerusalén (1963) de Hanna Arendt e A mística da feminidade (1963) de Betty Friedan.

Trátase dunha mostra que xa percorreu outras bibliotecas do Estado, así como da propia USC, e cuxa idea orixinal e deseño corresponden a Pedro Quílez. No caso da Universidade de Santiago de Compostela, fíxose a tradución ao galego e escolléronse versións daquelas obras que contaban cunha edición en lingua galega. 

Ademais, no seu paso pola Biblioteca Intercentros, a mostra enriquecerase con dúas novas seccións. Unha delas está dedicada a oito autoras galegas clásicas, mentres que a outra parte inédita da exposición céntrase de xeito específico na obra de autoras lucenses. “O nexo de unión é a procedencia, xa que todas elas naceron en Galicia pero cada unha delas destacou nun ámbito distinto”, explica o director da Biblioteca, César Gómez Pérez. Así, na mostra percórrese o legado de figuras senlleiras como Ángeles Alvariño, precursora na investigación oceanógrafa mundial; Exeria, a primeira peregrina que deixou constancia por escrito das súas viaxes, ou a pedagoga Antía Cal e a súa innovadora concepción da escola e a educación. Completan a listaxe Antonia Ferrín Moreiras, Jacinta Landa Vaz, Olimpia Valencia, Concepción Arenal e Emilia Pardo Bazán. 

No capítulo dedicado de xeito específico a autoras lucenses que abordan dende a creación literaria ata a investigación científica, permanecerán expostas obras de Alba Díaz Geada, Carmen Blanco, Olga Novo Presa, Enriqueta Otero Blanco, Margarita Ledo Andión, Antía Yañez Rodríguez, Sabela Núñez Singala, Marica Campo Domínguez, Luz Darriba Magadán, Conchi Regueiro Digón, Andrea Barreira Freije, Helena Villar Janeiro, María Reimóndez Meilán, Ana Isabel Fernandez García, Ana Cabana Iglesia, Sara Plaza Moreno, Ana Goy Diz, Alba Carballal Gandoy, Ana García Deibe, Asteria Luzardo Alvarez, Begoña Barreiro Fernández, Celia Besteiro Rodríguez, Cristina Patiño Eirín, Isabel García Iglesias, Marta López Alonso, Matilde Lombardero Fernández e Carme Silva Domínguez.

“O número 8 de lombo serve como punto de partida para expoñer a obra das infinitas autoras procedentes da provincia de Lugo que mudaron e mudan o mundo”, sinala o director da Biblioteca Intercentros. Estas parte específica e inédita da mostra permanecerá exposta no vestíbulo da Biblioteca ata mediados do mes de novembro. 

 

No acto inaugural, léronse fragmentos das obras expostas
No acto inaugural, léronse fragmentos das obras expostas
The contents of this page were updated on 10.17.2024.