A elite mundial da Intelixencia Artificial debate en Compostela os principais desafíos para os vindeiros anos
A elite da Intelixencia Artificial mundial debate desde este luns e ata o xoves en Santiago sobre os principais avances rexistrados neste campo de investigación, así como sobre os retos e desafíos que deberá afrontar no futuro inmediato, con especial atención ao impacto en ámbitos como a regulación, o compromiso ético, o impacto económico ou as achegas para resolver os principais problemas da humanidade. Organizada polo Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), a European Conference on Artificial Intelligence (ECAI 2024) está promovida pola Asociación Europea de Intelixencia Artificial (EurAI) e a Sociedade Española de Intelixencia Artificial (AEPIA).
Proxectos de futuro
No acto de apertura celebrado este luns no Palacio de Congresos, o reitor Antonio López agradeceulles aos organizadores do evento elixir a cidade de Santiago, cunha universidade con máis de 500 anos de historia e que está “adestrando e formando os profesionais do futuro”. Así, destacou o mestrado universitario en Intelixencia Artificial e o compromiso da USC coa investigación neste campo, a través de centros singulares coma o CiTIUS e a colaboración con organismos e institucións para desenvolver proxectos nos eidos da medicina personalizada, deseño de microelectrónica para semicondutores ou ferramentas de intelixencia artificial ao servizo da lingua galega.
Pola súa banda, o director do CiTIUS e presidente do comité organizador, Senén Barro, salientou o feito de que esta é a segunda ocasión na que Compostela acolle a Conferencia Europea de IA, despois de facelo de “forma exitosa en 2020, en plena pandemia, pero de forma exclusivamente dixital”. Barro subliñou que esta edición coincide co 50 aniversario do primeiro congreso sobre IA, o que indica que non é un ámbito de investigación recente e pediulles aos gobernos un “apoio decidido ao desenvolvemento da IA” na nosa comunidade.
No acto tamén interviñeron o Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez; a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o director da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), Ignasi Belda; o director de Asuntos Gobernamentais da UE de Microsoft Corporation, Jeremy Rollison, e o director de Banca Institucional de Galicia de Santander España, Luis Pernas.
Contra as noticias falsas
No relatorio inaugural, a profesora de Procesamento de Coñecemento Ubicuo da Universidade Técnica de Darmstadt en Alemaña, Iryna Gurevych, presentou o Missci, un novo modelo teórico de argumentación contra os razoamentos falaces para desmantelar as narrativas enganosas baseadas en interpretacións falsas de publicacións científicas e alertou de que a “desinformación supón unha ameaza crecente para a nosa sociedade que se estende moi rapidamente”, debido ao volume de información e á relevancia do seu contido. Así, explicou que adoita ser información de interese para un gran número de persoas e puxo como exemplo o grave impacto na saúde pública das fake news relacionadas co Covid19 e o uso da cloroquina como tratamento, ou as informacións que sementaban dúbidas sobre as vacinas.
A profesora Gurevych lembrou que as crenzas das persoas a miúdo non dependen da afirmación e o razoamento racional, senón de contido crible que fai que a afirmación “pareza máis confiable”, como publicacións científicas ou contido visual “que foi manipulado ou provén de contextos non relacionados”. Os seres humanos “tendemos a crer con máis facilidade a información que nos chega de forma visual, a través de imaxes”, engadiu.
Éxito
ECAI 2024 supón un evento de récord, tanto polo número de relatorios presentados, que supera o medio milleiro, como polo número de asistentes, arredor de 1.600, e relevancia dos seus contidos. Sen dúbida, todo iso fará de Santiago de Compostela a capital mundial da intelixencia artificial durante a semana do 19-24 de outubro.
No encontro haberá espazo para analizar como a IA está reconfigurando diferentes sectores de actividade, examinando as previsións de crecemento económico, as tecnoloxías implicadas, as diferenzas entre países e rexións e o papel dos estados e a industria. Afondarase tamén no terreo das certezas e dúbidas sobre a posible aparición dunha economía baseada na IA, en particular o desemprego tecnolóxico e a deslocalización de postos de traballo, así como a concentración de riqueza e poder nunhas poucas empresas e países.
Tamén se abordará o deseño de políticas de investigación en IA éticas e fiables para Europa, que busca estimular un modelo de investigación e desenvolvemento de IA centrado no ser humano, e fiable desde todos os puntos de vista. Os próximos 50 anos de IA serán ademais obxecto de reflexión en ECAI 2024, en particular a través dun panel especial no que se debaterá sobre o actual camiño que segue a investigación no eido, o seu posible futuro e os principais desafíos aos que terá que facer fronte.