A intersección entre violencia de xénero e discapacidade, a debate nunha xornada en Relacións Laborais
. Compartir experiencias, coñecementos e mellores prácticas para facer visible a realidade da violencia de xénero e a discapacidade e fomentar a creación de solucións que melloren a vida das persoas afectadas é o obxectivo do encontro que se desenvolverá o 28 de outubro no Salón de Graos da Facultade de Relacións Laborais. O evento forma parte do proxecto ‘Estudo sobre a situación das mulleres maiores de 65 anos que sofren violencia de xénero e a súa relación coa discapacidade en Galicia’ financiado pola Vicerreitoría de Política Científica da USC.
A Xornada sobre violencia de xénero e discapacidade ‘Diferentes Miradas, Unha Misión Común’ inaugurarase ás 9.00 horas nun acto no que participarán a vicedecana de Relacións Laborais, Silvia Moscoso Ruibal; a delegada do reitor para Igualdade, Sonia Esperanza Rodríguez Boente; a profesora da USC e membro do comité organizador, Mª José Ginzo Villamayor; e Roberto Barva Alvedro, da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galicia.
O encontro estrutúrase en tres bloques temáticos, de discusión e debate final co público asistente. Un primeiro dedicado á visión dende administración no que intervirán Isabel del Río Viqueira, do Instituto Galego de Estatística; Roberto Barva Alvedro, da Xunta de Galicia; Josefina Monteagudo Romero, do Sergas, e o subinspector de Policía Nacional Jorge Mato Corzón. O segundo dos bloques atinxirá á universidade e contará con Natalia Pérez Rivas, Alejandro Villanueva Turnes e Mª Josefa Mosteiro García, da USC, e Ángela Fernández da Silva, da Universidade de Vigo.
O terceiro e último bloque dedicarase ás miradas desde as entidades sociais públicas e privadas e nela participarán Laura Cantero Poncio, de CLECE; Iria Antuña, da Federación de Ensino de CCOO; Juani Tubío Ordóñez, de ACADAR; Consuelo Neira Leis, directora do Centro de Recuperación Integral, e unha representante de COGAMI.
Quen desexe participar neste encontro debe inscribirse previamente.