Skip to main content

CO(M)XÉNERO convida a reflexionar sobre o rol das mulleres nos oficios do cinema

Quen desexe participar no seminario dispón ata o día 4 para inscribirse
Quen desexe participar no seminario dispón ata o día 4 para inscribirse
No seminario, a desenvolver os días 6 e 7 de novembro na Facultade de Ciencias da Comunicación, porase en valor a figura de Cruz Risco, probablemente a primeira muller sonidista e unha das primeiras cineastas galegas

Os días 6 e 7 de novembro chega a undécima edición do CO(M)XÉNERO Seminario Permanente de Comunicación e Xénero da USC, que nesta ocasión leva o título ‘Na letra pequena. As mulleres nos oficios do cinema’. Este evento, xa consolidado como un espazo de reflexión e debate, centrará esta vez o seu foco nas mulleres que traballan nos oficios do cinema menos visibles pero imprescindibles para a creación audiovisual, desde o son ata a produción e a montaxe.

Organizado polo Grupo de Investigación en Estudos Audiovisuais da USC, o seminario pretende reivindicar o papel destas profesionais no sector audiovisual, un ámbito no que a presenza feminina segue sendo escasa, especialmente en áreas técnicas e creativas.

O programa desta edición, distribuído en dúas xornadas, contará coa presenza de investigadoras, cineastas e profesionais de recoñecido prestixio que abordarán desde diferentes perspectivas a invisibilización das mulleres en ámbitos como a sonorización, a composición musical, a coprodución e o cinema de non ficción.

A desenvolver no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación, o IX CO(M)XÉNERO inaugurarano ás 16.00 horas a delegada do reitor para Igualdade da USC, Sonia Esperanza Rodríguez Boente, e a catedrática emérita de Comunicación Audiovisual, Margarita Ledo. A continuación, terá lugar a intervención de Xaime Varela Sieiro, investigador e profesor do IES Arcebispo Xelmirez II de Santiago de Compostela, quen recupera a figura da sonidista Cruz Risco, pioneira galega do audiovisual creadora da peza ‘Por que marchamos’ (1979). Esta intervención permitirá coñecer o legado desta creadora, cuxa obra como sonidista e directora foi recuperada recentemente e que desenvolveu a súa carreira en producións internacionais nos anos 70 e 80, como Le musée fantôme (1974) ou Río de sombras (1986). O relatorio porá de relevo a importancia da recuperación de figuras femininas que contribuíron de forma decisiva ao desenvolvemento do cinema galego e internacional.

A continuación intervirá Carme Rodríguez, compositora e orquestradora galega cunha dilatada experiencia en cinema, televisión e teatro, que abordará a relevancia da música na construción do relato audiovisual. Analizará como a composición musical estrutura o tempo narrativo e potencia as simboloxías, subliñando a escaseza de compositoras mulleres neste campo, tradicionalmente dominado por homes. Rodríguez explicará tamén como a mirada feminina pode aportar novas sensibilidades á narrativa audiovisual, grazas á súa experiencia en proxectos nacionais e internacionais, como Lume (2025), Prefiro Condenarme (2024) e Esto no es Noruega (2023).

Programa do día 7
Ana Viñuela, profesora e investigadora da Université Paris 3 Sorbonne Nouvelle especialista en coproducións e políticas públicas do audiovisual, iniciará a xornada do 7 de novembro abordando o mundo da coprodución a través do modelo francés e o caso d’O que arde (2019), froito do traballo conxunto entre Galicia, Francia e Luxemburgo. A súa intervención permitirá comprender os mecanismos que favorecen a circulación de filmes independentes a nivel internacional e os retos que enfrontan as coproducións no contexto actual.

Por último, o seminario contará coa participación de Pilar Monsell, directora, montadora, guionista e investigadora na Universitat Pompeu Fabra (UPF) de Barcelona, que ofrecerá unha reflexión sobre as mulleres que desempeñan múltiples roles na creación de cinema documental, coñecidas como "mulleres orquestra". A través da súa experiencia como cineasta e investigadora, Monsell analizará os desafíos de combinar produción, dirección e montaxe nun contexto de traballos creativos con recursos limitados. Falará tamén do seu propio cinema, onde se mesturan o documental creativo e o cine ensaio, destacando obras como África 815 (2014) e o seu proxecto actual Ensayo para una revuelta (2024).

Quen desexe participar no seminario ‘Na letra pequena. As mulleres nos oficios do cinema’ dispón ata o día 4 para inscribirse. A actividade está aberta ao público en xeral mais con preferencia a profesionais e persoal investigador no eido das ciencias da comunicación, estudantado do Programa de Doutoramento en Comunicación e Información Contemporáneas e estudantado dos graos de Comunicación Audiovisual e Xornalismo. 
 

The contents of this page were updated on 10.24.2024.