Skip to main content

O grupo de investigación Atalaia da USC impulsa un estudo interdisciplinario sobre a educación emocional en tempos de crise

De esquerda a dereita, Jesús Miguel Muñoz Cantero, Francisco Fraga, Román Rodríguez e María Dolores Fernández Tilve
De esquerda a dereita, Jesús Miguel Muñoz Cantero, Francisco Fraga, Román Rodríguez e María Dolores Fernández Tilve
Publicado na revista ‘Relieve’, o monográfico está coordinado pola profesora de Ciencias da Educación, María Dolores Fernández Tilve, e asenta bases conceptuais e ferramentas metodolóxicas que contribúan a desenvolver a educación das emocións
Lugo

A saúde mental atópase nos últimos tempos baixo o foco do debate público. Coa intención de achegar luz a como a educación emocional pode axudar a que as persoas se enfronten a situacións complexas que requiren de solucións innovadoras, a profesora da USC e responsable do grupo de investigación Atalaia, María Dolores Fernández Tilve, xunto a Raquel-Amaya Martínez González, catedrática da Universidade de Oviedo, coordinou un monográfico na revista Relieve sobre educación emocional en tempos de crise. A obra, presentada este mércores 30 no Pazo de Montenegro, conforma unha mirada interdisciplinaria que inclúe estudos cos que asentar bases conceptuais e ferramentas metodolóxicas que contribúan a desenvolver a educación das emocións e a fomentar o benestar das persoas como dereito fundamental.  

“Faise prioritario abordar a formación en aspectos socio-emocionais dunha maneira sistemática e proactiva na esfera educativa”, destacou a profesora Fernandez Tilve xa que “as TRIC (Tecnoloxías das Relacións, a Información e a Comunicación) provocan unha serie de cambios na maneira de relacionarse a infancia e a adolescencia”. Neste senso, a profesora realizou un repaso por algúns dos estudos máis recentes neste ámbito realizados pola OMS, UNICEF ou UNESCO nos que se salienta a importancia dun uso responsable, saudable e menos intensivo das tecnoloxías. Segundo a profesora Fernández Tilve, “o benestar dixital, hoxe por hoxe, constitúe un desafío ao que temos que enfrontarnos todas as persoas como sociedade”. 

Trastornos alimenticios, problemas de insomnio e de ansiedade, ou cadros depresivos foron algúns dos aspectos preocupantes aos que fixo referencia a profesora de Ciencias da Educación. “No contexto dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e no horizonte de 2030, a saúde mental adquire unha relevancia crecente, que invita a impulsar proxectos que fortalezan a práctica da educación emocional de calidade, imprescindible para afrontar tempos de crise como os actuais”, sinalou. María Dolores Fernández Tilve estivo acompañada no acto polo vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, Román Rodríguez; e o presidente de Asociación Interuniversitaria de Investigación Pedagóxica (AIDIPE), Jesús Miguel Muñoz Cantero. 

Libro de cabeceira 

Francisco Fraga destacou que o equilibrio entre a tecnoloxía e o seu uso saudable por parte da mocidade é difícil polo que este será un “libro de cabeceira para as persoas especialistas en Educación”. O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo lembrou que a educación é un ámbito transversal que atravesa todas as áreas de coñecemento e puxo en valor o traballo que no eido da saúde mental realizan entidades como a Unidade de Atención Psicolóxica da USC. 

Pola súa parte, Román Rodríguez salientou que “temos que tomar conciencia da educación da saúde emocional” e para iso resulta indispensable a implicación das persoas especialistas en educación, pero tamén das familias. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional explicou que a Xunta de Galicia apoia estudos como este monográfico porque consideran capital a existencia de “información empírica que nos dea certezas para actuar e fomentar maior benestar social”. 

A intervención de Jesús Miguel Muñoz Cantero centrouse na importancia de “crear espazos de reflexión arredor da pedagoxía” como é o caso da revista Relieve. O presidente de AIDIPE puxo o foco en como é preciso “difundir prácticas pedagóxicas innovadoras e fomentar competencias que transformen a vida das persoas”.

Políticas educativas

Para a profesora Fernández Tilve estudos como o publicado en Relieve evidencian a necesidade da intervención política. “Máis que nunca, estamos chamados a impulsar proxectos socioeducativos e buscar estratexias encamiñadas a un benestar persoal e social e así preparar as novas xeracións para afrontar con éxito os desafíos. É importante, polo tanto, que a educación emocional acabe vertebrando a axenda das políticas educativas”, concluíu. 

Ademais das dúas coordinadoras, o monográfico inclúe traballos de Rafael Bisquerra e Èlia López da Universidade de Barcelona; Pablo Fernández Berrocal, Rosario Cabello, Javier Álvarez da Universidade de Málaga e José Carlos Vigo da Universidade Católica de Santa Fe (Arxentina); Mª Teresa Iglesias e Beatriz Rodríguez da Universidade de Oviedo; Mª Laura Malvar da Universidade de Vigo; Eduardo Encabo, Isabel Jerez, Lourdes Hernández e Gabriel Sánchez da Universidade de Murcia. 

 

Asistentes ao acto
Asistentes ao acto
The contents of this page were updated on 10.30.2024.