Skip to main content

Unha ducia de artistas reflexionan en Fonseca sobre a influencia dos medios dixitais nas relacións afectivas

A mostra poderá visitarse en Fonseca ata o 28 de febreiro. Foto: Santi Alvite
A mostra poderá visitarse en Fonseca ata o 28 de febreiro. Foto: Santi Alvite
A exposición 'Afectos Dixitais' poderá visitarse ata o 28 de febreiro de luns a sábado no Salón Artesoado

Como se están transformando as nosas relacións afectivas coa aparición dos medios dixitais? Esta e outras interrogantes máis formúlanse unha ducia de artistas na exposición Afectos Dixitais que se poderá visitar ata o 28 de febreiro no Salón Artesoado do Colexio de Fonseca. A mostra, que inaugurou este xoves 28 a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, é unha produción propia da USC arredor da que se vertebra a Faísca Cultural que se desenvolve en numerosos centros docentes de Compostela

Comisariada por Aránzazu Pérez, Guillermo Rodríguez e Federico L. Silvestre e co apoio da Deputación da Coruña, a mostra expón como as interaccións persoas-máquina están a reconfigurar o tecido social e emocional do noso mundo e reflexiona sobre o poder dos algoritmos e o seu impacto nas nosas vidas desde diferentes enfoques, como o hacktivismo ou a poética cyborg. A exposición poderá visitarse de luns a sábado en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas.

Nesta montaxe reúnese unha destacada selección de obras de artistas internacionais como Andreas Angelidakis, Laura A. Dima, Quimera Rosa e Daniel Mullins xunto a nomes consagrados do panorama español como Joan Fontcuberta e Pilar Rosado. Así mesmo, pon en valor o talento galego e español, coa participación de creadores como Judith Adataberna, Cora Novoa, Pilar del Puerto, Javier Martín e Marta Galindo.

Algunhas das obras
As propostas que trae Laura A. Dima son a interactiva Breathers [Respiradores] (2024), deseñada expresamente para esta mostra, na que convida a reflexionar sobre a relación entre as tecnoloxías dixitais, o tacto e o consentimento. Breathers permite aos visitantes crear vínculos, xerando conexións que deixan atrás os tabús culturais. As cápsulas de silicona "cobran vida" ao detectar dúas persoas. Estas transmiten datos corporais dun participante ao outro en tempo real, como a frecuencia cardíaca ou os patróns respiratorios, de maneira que a instalación establece unha canle de comunicación emocional entre esas persoas, que poden coñecerse ou non. A peza desafía ao público a considerar a natureza do consentimento nunha era na que temos un control limitado sobre os nosos datos sensibles, animándonos a diminuír o ritmo, deconstruír as interaccións sociais e explorar os bucles de retroalimentación emocional.

Outras das súas obras son The Finger Rub Rug, unha escultura táctil en forma de colchón con 1.300 réplicas de silicona dos dedos da súa parella, ambientada nun cuarto branco illado cunha banda sonora espacial envolvente, e Future Affair, instalación interactiva que permite aos participantes intercambiar un toque amoroso a distancia a través dun robot acariciador, activado por un panel de control e mecanismo de consentimento.

Pola súa banda, a artista e investigadora na Universidade Complutense de Madrid Pilar del Puerto presenta catro obras. En Xenopiel (2023), realizada en colaboracion con XenoVisual Studies e producida en Makesapace Madrid, a pantalla amosa un vídeo preditivo xerado por intelixencia artificial no que o gancho intenta, sen éxito, atrapar as imaxes que aparecen na pantalla, creando un bucle infinito. Para Pilar del Puerto, esa interacción simboliza a tensión entre o desexo e a súa realización no eido dixital. A obra explora o concepto de “xenoimaxes”, entendidas como representacións visuais fóra da experiencia convencional, suxerindo unha reflexión sobre a busca do novo e do descoñecido. Xa en Relatos de una IA triste (2023) selecciona frases de varias conversas con Alexa, a asistente virtual da compañía Amazon. A serie consta dun total de dez espellos nos que a artista volve situar estas frases, descontextualizándoas, convidando a pensar sobre a construción da nosa identidade e o noso imaxinario ou que ou quen forma(n) parte das nosas comunidades.

Por último, en Llorón e TKM (Serie Affections, 2022) convida a explorar como as tecnoloxías impactan na construción do xénero durante a infancia. A través de referencias a peluches e bonecos, a obra evoca os vínculos emocionais que establecemos con estes seres non humanos.

Pola súa banda, a cineasta, fotógrafa e artista visual Judith Adataberna revisita e actualiza a súa instalación LAN(d)-Party (2024) empregando equipamentos da propia USC. Nela, explora a hiperrealidade dixital e a “era da pantalla”, analizando como o consumo masivo de contidos virais na rede transforma o usuario nun observador político, preferindo a experiencia virtual á real.

Na exposición pode verse tamén a proposta de Cora Novoa Pérez, performer e artista transdisciplinar galega, que participa coa súa obra Pel de vimbio sobre pel (2022) na que coloca a súa propia cama desfeita, un obxecto privado que comparte no espazo público. Na intimidade da súa cama aparece un teléfono móbil que reproduce un vídeo no que parece intuírse a pube da artista. É un xogo de percepcións. O que amosa, en realidade, é outra pel, un tecido de vimbio que agarima suavemente. Ao achegarse ó dispositivo pode escoitarse o son dese contacto, podendo ser un chisco ás populares gravacións ASMR (resposta sensorial meridiana autónoma). Con esta obra, a artista evoca a corporalidade no dixital e a ausencia no físico, a fragmentación ou a casualidade, convidando a reflexionar sobre os nosos contextos, lecturas e interaccións sociais. 
 

A mostra inaugurárona a vicerreitora de Estudantes e Cultura, a comisaria e comisarios e algunhas das artistas. Foto: Santi Alvite
A mostra inaugurárona a vicerreitora de Estudantes e Cultura, a comisaria e comisarios e algunhas das artistas. Foto: Santi Alvite
Cora Novoa e a súa performance Entre ser i estar. Foto: Santi Alvite
Cora Novoa e a súa performance Entre ser i estar. Foto: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 11.29.2024.