Skip to main content

Este venres comezan os horarios extraordinarios das bibliotecas en Santiago e Lugo

Estudantes na Biblioteca de Dereito. Fotos: Santi Alvite
Estudantes na Biblioteca de Dereito. Fotos: Santi Alvite
Ofrécense máis de 3.400 prazas repartidas polos distintos campus da Universidade

A partir do venres 6 de decembro, as bibliotecas da Universidade de Santiago amplían o seu horario para dar servizo de apoio ao estudo ante o primeiro período de exames. O estudantado contará, deste xeito, con máis de 3.400 prazas repartidas polos distintos campus da Universidade e un amplo horario para escoller o ambiente máis propicio para estudar.

No Campus de Lugo terá horarios extraordinarios a Biblioteca Intercentros, que ofrece de luns a domingo un total de 938 prazas. Así, abrirá do 6 ao 13 de decembro entre as 8:30 e as 22:00 horas e de aí ata o 20 de decembro ampliará o horario de peche ata as 00.00 horas. Do 21 ao 30 de decembro, de luns a venres terá un horario de 9:00 a 22:00 horas, as fins de semana do 21 e 22 e do 28 e 29 de decembro de 10:00 a 19:30 horas e o 24 e 31 de decembro de 8:30-15:00 horas. Os días 25 de decembro e 1 de xaneiro a biblioteca permanecerá pechada. En xaneiro, do 2 ao 5 abrirá de 9:00 a 22:00, do 6 ao 19 de 8:30 a 0:00 horas e, finalmente, do 20 ao 24 de 8:30 a 22:00 horas.

Campus de Santiago
Xa en Santiago, a Biblioteca Concepción Arenal, con 952 prazas de estudo, abrirá exactamente nos mesmos horarios que a Intercentros, salvo no período do 2 ao 5 de xaneiro, que neste caso abrirá de 9.00 a 00.00 horas.

No Campus Norte amplía os seus horarios a biblioteca da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, con 358 prazas, ampliables. Do 9 ao 20 de decembro estará aberta de 8:30-22:00 e do 6 ao 24 de xaneiro de 8:30 a 22:00 horas.

No casco histórico da cidade, a Biblioteca Xeral (214 prazas) abrirá de luns a venres do 21 ao 30 de decembro de 9:00 a 20:30 horas. O mesmo horario terá do 2 ao 5 de xaneiro e pechará os días 24, 25 e 31 de decembro e 1 de xaneiro.

No campus Sur, habilitarán as súas salas de estudo dous centros: Bioloxía e Dereito. A Facultade de Bioloxía (289 prazas) abrirá de luns a venres en horario de 8:30 a 22:00 horas do 14 ao 20 de decembro e do 7 ao 19 de xaneiro, e os días 2 e 3 de xaneiro de 9:00 a 22:00 horas.

Cun total de 700 prazas, ampliables,  abrirá a Sala de lectura da Facultade de Dereito cos seguintes horarios: de 8.30 a 22.00 horas do 9 ao 13 de decembro; nos períodos do 14 ao 20 de decembro e do 20 ao 24 de xaneiro abrirá de 8:30 a 0:00 horas; do 2 ao 5 de xaneiro de 9:00 a 0:00 horas; e terá horario continuado as 24 horas (cunha hora pechada para limpeza) do 6 ao 19 de xaneiro.
 

The contents of this page were updated on 12.20.2024.