Skip to main content

Perfil socioeconómico e modelo de ensino impactan nos resultados escolares, segundo un estudo da USC

A investigación estuda os modelos educativos máis eficaces para atender as necesidades do alumnado do ensino non universitario. FOTO: Santi Alvite
A investigación estuda os modelos educativos máis eficaces para atender as necesidades do alumnado do ensino non universitario. FOTO: Santi Alvite
O libro 'A escaleira educativa' analiza desde a economía da educación a influencia da segregación ou os agrupamentos na aprendizaxe e nas oportunidades laborais

Segregar o alumnado de educación secundaria con peores resultados nalgunhas materias, creando agrupamentos para explicar o contido en grupos máis pequenos e de xeito máis personalizado, parece en principio unha boa idea para prestarlle unha atención máis individualizada ao alumnado con dificultades. Pero a realidade pode ser a contraria, segundo se explica no libro ‘A escaleira educativa. Inserción laboral da mocidade non universitaria en Galicia’ (Edicións USC), da autoría de Bruno Blanco Varela, María del Carmen Sánchez Carreira e Paulo Jorge Reis Mourão.

O profesor do Departamento de Economía Cuantitativa da USC, Bruno Blanco, defendeu en 2022 a súa tese ‘Unha análise socioeconómica da vulnerabilidade en Galicia’ e desde aquela investiga na área da economía da educación para saber “como impacta o teu perfil socioeconómico nos teus resultados educativos”, segundo explica, analizando por exemplo como inciden no alumnado non universitario máis vulnerable modelos que implican segregar o estudantado con peores resultados nunha ou varias materias. É o caso dos agrupamentos, que paradoxalmente poden influír de forma negativa nas oportunidades educativas do alumnado máis vulnerable, porque aínda que se lle ofreza unha atención mellor “queda separado das súas amigas e dos seus amigos, e perde o referente, o modelo dos mellores estudantes”, sinala o docente, para quen a solución sería “poñer profesorado de apoio na aula en lugar de segregar”.

Blanco explica que no curso das investigacións que se recolleron no libro constataron que “co mesmo rendemento no informe PISA que o alumnado de mellor nivel socioeconómico, o alumnado máis pobre ten máis posibilidades de repetir curso”, pois na actualidade pode suceder que todo o alumnado ten acceso aos mesmos recursos, como computadores, pero non todo o mundo ten axuda para empregalos pola falta de formación nalgunhas familias.

Formación contra precarización
E conseguir unha boa formación é unha das claves para conseguir a inserción laboral, pois tal como lembra o coautor do volume, “é unha salvagarda que permite obter un mellor contrato laboral”, e de feito canto máis elevado é o nivel de estudos “máis se limita a precarización". Así, estudar por exemplo un ciclo superior de Formación Profesional despois do ciclo medio supón unha maior especialización e máis oportunidades laborais, “especialmente en certas profesións con escaseza de man de obra”.

A obra, incluída na colección de ensaio do selo de calidade USC Editora, incide nas conclusións en que “o reforzo de políticas familiares e de acompañamento no alumnado galego constitúen ferramentas útiles para o deseño de políticas enfocadas a reducir a problemática do abandono e mellorar o seu vínculo coa esfera familiar” e afirma que “se os informes e estudos sinalan á dificultade do reingreso no sistema educativo na idade adulta en casos de fracaso escolar, esta información permite ás autoridades escolares adaptar a toma de medidas de xeito preventivo”.
 

The contents of this page were updated on 12.04.2024.