Skip to main content

A exposición ‘Gaza: o eco dos esquecidos’ suma máis de 1.600 visitas nas súas dúas primeiras semanas na Igrexa da Universidade

Instantánea da montaxe da exposición. Foto: Santi Alvite
Instantánea da montaxe da exposición. Foto: Santi Alvite
A mostra, aberta ata o 31 de marzo, revela a realidade do xenocidio en Gaza a través do obxectivo dos reporteiros gráficos gazatís Mohammed Zaanoun, Ahmed Zakot e Abood Abu Salama

A exposición Gaza: o eco dos esquecidos da Fundación Araguaney-Puente de Culturas e a Universidade de Santiago (USC), actividade enmarcada na Cátedra USC-Araguaney para o Diálogo entre Culturas, contabiliza xa nas súas dúas primeiras semanas máis de 1.600 visitas. A mostra contempla tamén a posibilidade de realizar visitas guiadas cos comisarios Cibrán Meléndez e Estela Pintos, como a que ten lugar este luns para 60 estudantes de Xornalismo da materia de Fotoxornalismo, iniciativa da profesora da USC María Soliña Barreiro.

A exposición permite ao visitante sentir de primeira man a realidade de Gaza a través da mirada de tres reporteiros gráficos gazatís, Mohammed Zaanoun, Ahmed Zakot e Abood Abu Salama, que viven este horror desde dentro, achegando a mirada cruel e salvaxe dos actos acometidos polo exército israelí en terras palestinas ante a pasividade do mundo exterior. Tamén a exposición amosa aos “esquecidos”, ás vítimas que se viron involucradas no conflito, pero que non aparecen nas noticias a pesar de ser relevantes.

A mostra estrutúrase seguindo os diferentes aspectos que mostran a complexidade do xenocidio desde as perspectivas descritas polos tres fotoxornalistas palestinos e desde distintas ópticas: histórica, atemporal, xornalística, fotográfica, informativa e audiovisual, o que permitirá ao visitante obter unha “visión integral, poliédrica e multidisciplinar” do conflito.

O público poderá contemplar 26 fotografías, o documental Hospital Al Shifa: os crimes soterrados cedido pola televisión Al Jazeera, vídeo-testemuños dos reporteiros gráficos e unha creación artística ata o 31 de marzo, en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.

Coñecendo aos fotoxornalistas
Mohammed Zaanoun é un fotoxornalista e documentalista palestino que actualmente goza dunha bolsa en Ámsterdam, concedida polo NIAS (Instituto Holandés de Estudos Avanzados en Humanidades e Ciencias Sociais). Leva moitos anos documentando os horrores de Gaza. A pesar de que el e a súa familia foron desprazados, enfrontándose a bombardeos e a un asedio total, segue comprometido en documentar o xenocidio para que o mundo vexa o que está ocorrendo e para que se actúe en consecuencia. O pasado ano recibiu o Premio ao Xornalista máis resiliente nos  Premios Free Press 2024.

Ahmed Zakot é natural da cidade de Gaza. Comezou a traballar coa axencia de noticias Reuters como fotógrafo, de 2002 a 2020. Posteriormente, continuou a súa carreira como fotógrafo freelance para varios xornais e axencias internacionais. Así mesmo, cubriu as catro guerras na Franxa de Gaza así como a vida cotiá na Franxa e a ola de divisións e disputas internas que se produciron entre as dúas maiores faccións palestinas e os acontecementos golpistas que tiveron lugar en 2006. Actualmente traballa como camarógrafo independente para moitas ONG, realizando a coordinación e cobertura das súas actividades e proxectos.

Abdulrahman Abu Salama, tamén coñecido como Abood Abu Salama, é un xornalista e fotógrafo palestino da cidade de Gaza, nacido en abril de 1997, que vive actualmente no campo de refuxiados de Jabalia, no norte da Franxa.
 

The contents of this page were updated on 02.17.2025.