Skip to main content

O obradoiro ‘Construíndo un círculo de coidados. Pedagoxía queer dos afectos’ abre a inscrición do 26 de febreiro ao 3 de marzo

Detalle do cartel do obradoiro
Detalle do cartel do obradoiro
A través da reflexión compartida, buscarase o desenvolvemento das competencias afectivas das persoas participantes dende unha perspectiva feminista e queer
Lugo, Santiago de Compostela

Estimular un desenvolvemento integral feminista e queer é un dos obxectivos do obradoiro ‘Construíndo un círculo de coidados. Pedagoxía queer dos afectos’ que abre o seu prazo de inscrición en liña do 26 de febreiro ata o 3 de marzo nos campus de Lugo e Santiago de Compostela. Esta acción formativa configúrase como un obradoiro-círculo dirixido ao estudantado universitario, que se desenvolverá en dous formatos diferenciados, con dous grupos distintos, un presencial e outro virtual. 

A través da reflexión compartida, buscarase o desenvolvemento das competencias afectivas das persoas participantes dende unha perspectiva feminista e queer. Ao longo de seis sesións —seis para cada espazo— levaranse a cabo actividades e dinámicas moi diversas: expresión verbal e artística, xogo grupal, análise de obxectos culturais, ou debates, entre outros e sempre adaptándose ás características, necesidades e intereses do estudantado e en consonancia cos obxectivos da formación.

O grupo presencial reunirase os días 5, 12, 19 e 26 de marzo, 2 e 9 de abril de 2025, en horario de 12.30 a 15.00 horas na Aula 4 do Módulo A da Facultade de Ciencias da Educación do Campus Sur de Santiago de Compostela; mentres que o grupo virtual correspondente ao Campus de Lugo reunirase os días 6, 10, 17, 24, 31 de marzo e 7 de abril de 2025, en horario de 11.00 a 13.30 horas a través da ferramenta MS Teams. Para cada un dos dous grupos ofértanse 15 prazas cuxa inscrición pode formalizarse de balde. 

Contidos

A identidade como subxectividade no plano persoal e no social; o descubrimento, identificación, comprensión e regulación dos afectos; as disidencias sexuais e vinculares; así como os vínculos saudables no relativo á constitución das relacións interpersoais dende a sensibilidade e a horizontalidade serán os contidos abordados no obradoiro. Aixa Permuy, profesora e investigadora da Universidade de Santiago de Compostela e membro do CIFEX será a responsable de impartir esta actividade a través dunha metodoloxía de carácter grupal, activa, dinámica e participativa. 

As sesións basearanse en explicacións, simulacións, dinámicas de grupo, discusións e debates. Fomentarase a análise da linguaxe empregada, dos estereotipos interiorizados, das mensaxes recibidas a través dos medios de comunicación, dos obxectos culturais e da sociocultura en xeral, “a fin de valorar o influxo de todos estes elementos na construción das actitudes, pensamentos, afectos e comportamentos individuais e colectivos”, explican dende a Oficina de Igualdade de Xénero da USC. Paralelamente ás sesións, de forma autónoma e nas horas non presencias establecidas para esta formación, o estudantado realizará un traballo sobre os contidos tratados. 

Cartel de ‘Construíndo un círculo de coidados. Pedagoxía queer dos afectos’
Cartel de ‘Construíndo un círculo de coidados. Pedagoxía queer dos afectos’
The contents of this page were updated on 02.25.2025.