O debate sobre o mundo do traballo prende unha nova Faísca Cultural

Esta semana prende unha nova Faísca no campus de Santiago, enmarcada na programación da Primavera Cultural da USC, que vai xirar en torno ao mundo do traballo. O programa Faíscas Culturais é unha iniciativa da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura que ten como obxectivo prender a reflexión nas aulas da USC e complementar a formación do estudantado a través de intervencións e actividades de carácter cultural.
A Faísca ‘Moito pau e pouca cenoria’ que dá comezo este mércores 12 en Psicoloxía vai xirar, nunha ocasión máis, arredor dunha produción do Centro Dramático Galego, nesta ocasión A burra, a mesa e o pau. Esta proposta escénica achégase ao mundo do traballo, á violencia do traballo e ao traballo que invade o ámbito dos fogares. Con este argumento central, diferentes centros da USC conformaron as súas faíscas desde as particulares ópticas dos seus ámbitos de coñecemento.
Así, desde Psicoloxía, proponse unha reflexión crítica sobre a precariedade laboral e a saúde mental; desde Ciencias Económicas e Empresariais suscitarase un debate sobre as conexións entre a teoría económica e os desafíos sociais e laborais do noso tempo, e Xeografía e Historia fará a súa achega a través da realidade do traballo a domicilio na historia contemporánea de Galicia.
Pola súa banda, a Facultade de Dereito abordará a relevancia xurídica de condutas como a subordinación ás ordes empresariais ou a propiedade dos medios de produción; Relacións laborais analizará o papel do terceiro sector na defensa dos dereitos laborais, e, por último, Ciencias Políticas e Sociais sopesará o equilibrio entre as decisións privadas e a elección pública.
As actividades están abertas a toda a comunidade universitaria.