Os Consellos Sociais das Universidades de Santiago e A Coruña presentan AddVenture para fomentar a innovación e apoiar as persoas emprendedoras

A presidenta do Consello Social da Universidade de Santiago, Cecilia Sierra, e o seu homólogo da UDC, Antonio Abril Abadín, presentaron este mércores AddVenture, o programa de emprendemento e innovación deseñado para axudar a emprendedores a estruturar, validar e facer crecer os seus proxectos.
A iniciativa consiste nun curso práctico e de aplicación directa no propio proxecto utilizando a metodoloxía do grao oficial universitario LEINN –Liderazgo Emprendedor e Innovación- realizado por TeamLabs, o laboratorio de aprendizaxe de Mondragon Unibertsitatea. AddVenture combina formación, titoría e networking para que os participantes poidan validar a súa idea, mellorar a súa estratexia e desenvolver as súas competencias en liderado, vendas e dixitalización.
Este programa de emprendemento e innovación é gratuíto, financiado e certificado polos Consellos Sociais da UDC e a USC, e ten unha duración de tres meses e 265 horas de formación en sesións en liña en directo e encontros puntuais presenciais (hackaton e peche) para facilitar a aprendizaxe e a interacción con expertos. As inscricións estarán abertas ata o 28 de marzo. Están dispoñibles 30 prazas, que se outorgarán previa entrevista e tendo en conta a nota media do expediente académico como criterio dirimente.
Formación con TeamLabs, referente en emprendemento
O claustro de profesores estará integrado por docentes e especialistas vinculados a TeamLabs, laboratorio referente pola súa metodoloxía de aprendizaxe, baseada no emprendemento en equipo e learning by doing (aprender facendo), que proporciona as capacidades e a cultura para innovar en contornas incertas.
A metodoloxía que aplica no grao oficial universitario LEINN, cuxo orixe se atopa na unidade Team Academy de Finlandia, céntrase na aprendizaxe práctica a través da creación de empresas e proxectos reais, o traballo en equipo e o desenvolvemento de habilidades e competencias máis que na adquisición de coñecementos permitindo aos/as emprendedores/as avanzar con seguridade no seu proxecto.
Desde o seu lanzamento, AddVenture formou a máis de 50 persoas emprendedoras e impulsou máis de 20 proxectos. Con esta terceira edición, consolídase como unha referencia na formación para emprendedores en Galicia.