Skip to main content

Diego Peña Gil, novo director científico do CiQUS

Diego Peña Gil. Foto: CiQUS
Diego Peña Gil. Foto: CiQUS
O relevo na dirección do CiQUS marca o inicio dunha nova etapa para un centro xa consolidado como referente da investigación en Química

O investigador Diego Peña asumiu estes días a dirección científica do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) relevando así a José Luis Mascareñas, que ostentaba o cargo desde 2014. Este novo nomeamento, que se estende por un período de catro anos prorrogables, chega a proposta da Comisión Reitora do CiQUS tras o informe favorable da Comisión Científica Externa.

O director científico é a figura sobre a que se sustenta o proxecto do centro: é responsable de establecer as prioridades estratéxicas e científicas, da relación institucional con outras entidades e, asistido pola dirección adxunta, de funcións executivas que afectan o conxunto da actividade desenvolvida no centro. "Afronto o reto cunha mestura de responsabilidade e ilusión" sinala Peña, que se marca como obxectivo “non só consolidar o nivel de excelencia conseguido ata agora senón tamén contribuír a proporcionar as condicións necesarias para que todos os membros do CiQUS poidan colaborar no cumprimento da misión do centro e avanzar nas súas respectivas carreiras profesionais".

Culmina así unha etapa na que o equipo directivo de José Luis Mascareñas e Dolores Pérez converteu o CiQUS nun centro de referencia en Química e situouno ao nivel dos mellores centros de investigación internacionais. Ao longo de máis dunha década, Mascareñas e Pérez lideraron a creación dun novo modelo de centro de investigación e, froito deste traballo, o CiQUS é actualmente un referente na rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (Rede CIGUS).

Diego Peña
Diego Peña Gil licenciouse en Química en 1998 na USC, onde tamén desenvolveu a súa tese doutoral baixo a dirección de Enrique Guitián e Dolores Pérez. Realizou estadías predoutorais nos grupos dos profesores Eric N Jacobsen (1999, Harvard University), Paul Knochel (2000, LMU, Munich) e Antonio M. Echavarren (2001, UAM, Madrid). Posteriormente gozou dunha estadía posdoutoral como investigador Marie Curie no grupo do Premio Nobel de Química en 2016 Ben L. Feringa na Universidade de Groningen (Holanda) traballando en catálise asimétrica, realizando estadías breves no grupo de Hans de Vries da empresa DSM (Geleen, Holanda).

En 2004 reincorporouse á USC como investigador Ramón y Cajal e é investigador principal do CiQUS desde a súa fundación. En 2008 foi nomeado profesor titular, promocionando a catedrático de Química Orgánica en 2020. En 2024 obtivo unha praza de profesor de investigación Oportunius (GAIN) adscrita á USC.

Peña recibiu en 2018 a Medalla Ignacio Ribas do grupo especializado de Química Orgánica da Real Sociedade Española de Química (RSEQ). En 2020 recibiu unha axuda ERC Synergy Grant (MolDAM) xunto a Leo Gross (IBM Research Zurich) e a Jascha Repp (Universität Regensburg). Posteriormente foi galardoado co Premio de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo (2022) da Real Academia Gallega de Ciencias (RAGC) e en 2023 co Premio á Excelencia Investigadora da RSEQ. O ano pasado obtivo a Medalla Antonio Casares Rodríguez, outorgada pola RAGC.

Peña ten publicados máis de 150 artigos científicos (>8,500 citas, índice h 49), incluíndo catro publicacións na revista Science e 10 en revistas da familia Nature. As súas principais liñas de investigación tratan o desenvolvemento de novas metodoloxías sintéticas, a preparación e o estudo de nanografenos e outros materiais de carbono, o desenvolvemento da química sobre superficie e a manipulación de moléculas individuais.
 

The contents of this page were updated on 03.18.2025.