Skip to main content

Masterclass en Computación Cuántica

04.14.2025 | 10.00h-14.00h

CESGA
Santiago de Compostela

A Masterclass, que se desenvolverá en paralelo noutros centros da Rede Española de Supercomputación, contará cunha serie de actividades interactivas e educativas. FOTO: Pixabay
A Masterclass, que se desenvolverá en paralelo noutros centros da Rede Española de Supercomputación, contará cunha serie de actividades interactivas e educativas. FOTO: Pixabay

O 14 de abril, coa fin de promover e conmemorar o Día Mundial Cuántico, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), xunto co Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, organizarán unha Masterclass en Computación Cuántica orientada ao profesorado de ensino secundario de Galicia. Este evento ten como obxectivo crear conciencia sobre o enorme potencial transformador da computación cuántica e fomentar o interese neste campo tecnolóxico de vangarda. A xornada ofrecerá ás persoas participantes a oportunidade de mergullarse no mundo da computación cuántica, unha das disciplinas máis innovadoras e prometedoras da ciencia e a tecnoloxía moderna. Durante o evento, poderán utilizar o Computador Cuántico de Quantum Spain no Barcelona Supercomputing Center.

A Masterclass, que se desenvolverá en paralelo noutros centros da Rede Española de Supercomputación, contará cunha serie de actividades interactivas e educativas. A sesión abarcará charlas divulgativas de persoal investigador de distintos centros de investigación, nas que se explicarán os fundamentos, as novas fronteiras e o estado da arte da computación cuántica; unha visita guiada ao CESGA, incluíndo unha demostración do funcionamento do computador cuántico QMIO; unha sesión práctica na que se realizará un cálculo sinxelo utilizando o computador cuántico de Quantum Spain; e unha sesión por videoconferencia para compartir as experiencias e avances nos cálculos realizados cos outros centros que participan simultaneamente.

A Masterclass terá lugar de 10.00 a 14.00 horas e pretende achegar o poder desta revolucionaria tecnoloxía aos docentes e fomentar a colaboración entre os centros de supercomputación a nivel estatal. CESGA e IGFAE continúan no seu compromiso por promover a investigación científica de fronteira, facilitando a participación e o acceso ás ferramentas tecnolóxicas máis avanzadas.
 

The contents of this page were updated on 04.14.2025.