A Universidade forma a profesores, investigadores e persoal de administración nas claves da educación non presencial

A Facultade de Humanidades da USC acolleu este venres a clausura das ‘I Xornadas Campus Terra sobre Docencia Universitaria non Presencial’, un foro desenvolvido baixo o lema ‘O desafío do ensino en liña para as universidades tradicionais’, no marco do que se desenvolveron durante os últimos tres días distintas conferencias, mesas redondas e obradoiros. As distintas sesións programadas nestas xornadas permitiron aos asistentes afondar nas contornas virtuais de aprendizaxe, ao abeiro dun programa específico destinado tanto a persoal docente e investigador como a persoal de administración e de servizos dos campus de Lugo e Santiago da USC.
Os MOOCs (Massive Open Online Course) capitalizaron a temática das intervencións programadas na sesión de clausura destas xornadas. Pedro Pernías Peco, da Universidade de Alacante, pronunciou a conferencia ‘Por que fago MOOC (e por que ti tamén deberías)?’. A subdirectora do Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe da USC, Beatriz García Antelo, falou da I Convocatoria de Proxectos de Innovación Educativa en MOOC e de apoio das TIC á docencia que se levou a cabo durante o pasado curso. As xornadas pecháronse co obradoiro ‘Aspectos a ter en conta á hora de deseñar un MOOC’, un taller impartido por Elena González de la Cámara Cayuela, de eTIC Factoría de Formación.
A sesión práctica guiada este venres por González de la Cámara Cayuela deu continuidade aos obradoiros celebrados o xoves. No primeiro dos talleres, a xornalista Teresa Blasco Roselló explicou aos asistentes como enfrontarse ao reto de educar a través dunha cámara. As persoas que participaron nesta sesión puideron afondar nas claves da comunicación audiovisual, tales como o uso da mirada, as pausas, a xesticulación, ou a entoación. Pola súa parte, Xosé María Mahou Lago e Mónica López Viso, da Universidade de Vigo, trataron noutro obradoiro as claves da boa coordinación dunha titulación de máster en liña a través da súa propia experiencia no mestrado en Dirección Pública e Liderado.
As I Xornadas Campus Terra sobre Docencia Universitaria non Presencial comezaron o mércores 25 de outubro cunha intervención da profesora da Universidade de Deusto Sonia Arranz, quen abordou na conferencia inaugural deste os retos da formación en liña e semipresencial nas universidades. A continuación, Víctor Martín García, da Universidade de Salamanca, tratou a ‘Implementación e adopción da metodoloxía Blended Learning na educación universitaria’. A primeira xornada concluíu coas mesas redondas ‘A xestión normativa da docencia semipresencial’ e ‘ Aula virtual e aulas presenciais nos modelos de docencia semipresencial’.