Skip to main content

Desenvolven un modelo de xestión de xurros sostible ambiental e economicamente

Dous investigadores do proxecto realizando un traballo de campo
Dous investigadores do proxecto realizando un traballo de campo
Nun contexto de economía circular, o proxecto desenvolvido na EPSE está a ter resultados que solucionarían o problema ambiental actual

A Escola Politécnica Superior de Lugo está a traballar no desenvolvemento dun sistema que transforma xurros e residuos agroindustriais en biofertilizantes de alta calidade integrado nun modelo de economía circular. Faino dende os proxectos AGROMANURE e AGRORES, centrados na valorización de xuros gandeiros e diferentes residuos e subprodutos agroalimentarios, reducindo o impacto ambiental da súa aplicación directa en solos e auga así como gases de efecto invernadoiro. A estratexia converte o 92% dos nutrientes de xurros en recursos reutilizables como fertilizantes, mentres que o seu modelo financeiro podería dar lugar a valores de VAN positivos e taxas de rendibilidade aceptables.

Ambos proxectos están financiados polo Ministerio de Ciencia e Innovación e englobados nun consorcio que lidera a USC e no que participan tamén SOLOGAS, Fundación INFIAR, AIRA, AGACA, INTACTA, MILLO E LANDRAS e IRNAS-CSIC. Da USC participan os grupos UXAFORES, Química Analítica e Sistema Información Territorial así como o Departamento de Economía Financeira e Contabilidade.

Como aspecto diferenciador doutros modelos, os equipos de investigación destacan que este integra produción, certificación e aplicación optimizada de biofertilizantes, cun respaldo científico e diferentes ferramentas dixitais. Así, o proxecto desenvolveu un innovador Sistema de Apoio a Decisións Espaciais (SDSS), unha plataforma xeoespacial pioneira en Europa que integra datos loxísticos, agronómicos e legais para optimizar a xestión de xurros e os dixestatos resultantes da dixestión anaeróbica. Grazas aos seus algoritmos de optimización redúcense considerablemente (máis do 23%) os quilómetros de transporte, xerando aforros importantes en combustible.

Nunha solución circular, buscan ademais xerar fertilizantes orgánicos eficientes para reducir a dependencia dos sintéticos e promover a viabilidade económica e enerxética do proceso.

Dixestión anaerobia e desenvolmento de biofertilizantes, a clave
Ao basearse o sistema na dixestión anaerobia, os biofertilizantes obtivéronse ademais con menor risco de impacto ambiental e redución de custos. A dixestión anaerobia de xurros e outros subprodutos xera un valor engadido, como é o biogás, que axuda a optimizar os custes derivados da confección de biofertilizantes máis estables (35% máis de carbono) e ecolóxicos (30% menos pegada). Por outra banda, os biofertilizantes obtidos de xurros demostraron a súa eficacia en parcelas experimentais, aumentando ata un 40% o fósforo dispoñible. Ademais, a súa aplicación intelixente reduce un 22% as emisións de gases de efecto invernadoiro e de amoníaco comparado cos métodos tradicionais de aplicación directa de xurros.

O proxecto avanza cara a súa fase decisiva ata o ano 2028. “Ata entón, está previsto optimizar as condicións da planta piloto de dixestión e as características e homologación dos biofertilizantes para poder escalar a nivel industrial no futuro”, explica o investigador Agustín Merino. Para iso, “será imprescindible establecer alianzas público-privadas que potencien o modelo de economia circular como o proposto para afrontar os retos ambientaies e económicos do sector agroganadeiro”, apunta.

Co proxecto buscan xerar fertilizantes orgánicos eficientes para reducir a dependencia dos sintéticos
Co proxecto buscan xerar fertilizantes orgánicos eficientes para reducir a dependencia dos sintéticos
The contents of this page were updated on 06.27.2025.