A Facultade de Humanidades, unha das catro institucións que avalaron o BIC para a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia

A Xunta de Galicia declarou este luns Ben de Interese Cultural (BIC) a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia, unha celebración única que reúne as sete antigas capitais de Lugo, Santiago, A Coruña, Ourense, Mondoñedo, Betanzos e Tui. Fíxoo logo de solicitar informes ao Consello da Cultura Galega, ao Museo do Pobo Galego, ao Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e á Facultade de Humanidades da USC, un traballo realizado polo seu decano Gonzalo Francisco Fernández Suárez.
Considérase así que a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia é un "caso singular dentro da nosa cultura e o patrimonio inmaterial" ao expor "de forma única unha tradición secular dos galegos, así como a "evolución da súa unidade como pobo".
Unha cerimonia con orixe en 1669
O domingo seguinte á celebración do Corpus Christi ten lugar en Lugo a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo, un acto institucional e relixioso no que participan as persoas representantes dos Concellos das antigas capitais do Reino de Galicia: A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, Mondoñedo, Betanzos e Tui.
Coa ofrenda e a posterior procesión pola cidade cúmprese co voto solemne que as antigas capitais fixeron en 1669, ante as dificultades económicas da Catedral de Lugo, para dotala dunha renda anual coa que iluminar o Altar Maior da basílica, onde permanece exposto de forma permanente o Santísimo Sacramento.
Desde 1925 ata os nosos días, o rito da Ofrenda celébrase do mesmo modo, nunha misa solemne na que participan por quendas rotatorias anuais os representantes municipais das sete cidades.