Skip to main content

Ciencias da Educación presenta o libro 'Educación, ambiente e xénero. Lucía Iglesias da Cunha, in memoriam'

A obra presentouse nun emotivo acto en Ciencias da Educación
A obra presentouse nun emotivo acto en Ciencias da Educación
A obra intégrana 23 traballos da propia investigadora publicados entre 1996 e 2023, ano do seu falecemento

O libro Educación, ambiente e xénero. Lucía Iglesias da Cunha, in memoriam rende homenaxe á profesora da área de Teoría e Historia da Educación Lucía Iglesias, falecida en 2023, a través dunha recompilación de 23 traballos da propia docente, publicados en  revistas e medios especializados entre 1996 e 2023, e presentados e comentados por colegas tanto da Universidade de Santiago como doutras universidades. Edicións USC acaba de presentar o volume que se incorpora á colección ‘Homenaxes’.

Falecida prematuramente en 2023, como se puxo de manifesto nun emotivo acto de presentación celebrado na Facultade de Ciencias da Educación a profesora Iglesias da Cunha deixou unha indeleble pegada non só na súa Facultade senón en xeral na Universidade onde desenvolveu toda a súa carreira académica e investigadora, desde os seus inicios, hai máis de 25 anos, ao integrarse no grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA-interea).

No acto de presentación, interviñeron o secretario do centro, Jesús García Álvarez; a directora do Departamento de Pedagoxía e Didáctica, Mª del Mar Sanjuán Roca; o compañeiro da autora e docente da área de Filoloxía Inglesa, Mario Cal Varela, quen prologa o libro; o director de Edicións USC, Juan L. Blanco Valdés, e os coordinadores da edición, Rita Gradaílle, Pablo Meira, Júlio Conde e Xosé A. Caride.

The contents of this page were updated on 06.27.2025.