Skip to main content

A USC participa na creación do Observatorio Transnacional sobre os Peixes Diádromos

O Observatorio vén de constituirse nunha xuntanza celebrada en Lisboa
O Observatorio vén de constituirse nunha xuntanza celebrada en Lisboa
Na primeira xuntanza configurouse un grupo de traballo para avanzar na cooperación europea para a xestión sostible destas especies
Santiago de Compostela

O grupo de investigación en Hidrobioloxía da USC participa na creación do Observatorio Transnacional sobre peixes diádromos, que nace con vocación de se converter nunha plataforma de referencia que facilite a coordinación entre países e sectores clave na conservación das especies de peixes que migran entre o mar e os río, fomentando así unha resposta máis coherente e efectiva.

O nacemento deste organismo tivo lugar en Lisboa no marco do proxecto Interreg Espazo Atlántico DiadSea (EAPA_0011/2022), que busca reforzar a cooperación internacional para a conservación destas especies de peixes, nun encontro que reuniu 27 representantes de diversas entidades de España, Portugal, Francia e Irlanda, caracterizadas por desempeñar un papel activo na investigación, xestión, conservación e sensibilización sobre a situación, cada vez máis preocupante, dos peixes diádromos.

Como explican os grupos implicados no seu estudo, astas especies (lamprea, anguía, salmón, reo ou saboga, entre outros) están vendo reducidas drasticamente as súas poboacións debido a diversas ameazas, especialmente durante a súa fase mariña, aínda pouco coñecida. Ao realizar migracións entre o río e o mar ao longo do seu ciclo vital, a súa xestión e protección resultan aínda máis complexas, especialmente no contexto actual de cambio climático.

Como socio do proxecto, a Universidade de Santiago, representada polo profesor Fernando Cobo e o doutor Rufino Vieira, participou nesta primeira reunión do observatorio na que se configurou un grupo de traballo orientado a avanzar na cooperación europea para a xestión sostible destas especies. Ademais deles dous, a delegación española estivo integrada por representantes dos grupos de interese: un xornalista especialista en pesca deportiva, un axente medioambiental da Xunta de Galicia e un pescador deportivo de alto nivel.

Este grupo de traballo internacional dedicarase a avaliar os desafíos comúns e específicos de cada país na xestión destas especies, identificar novas ameazas no medio mariño, analizar as tendencias futuras da pesca recreativa e profesional e deseñar estratexias compartidas para unha conservación eficaz e sostible.

Nesta primeira reunión oficial do observatorio intercambiáronse experiencias de boas prácticas de xestión en cada país, identificáronse preocupacións comúns e definíronse prioridades futuras, incluída a necesidade dunha comunicación máis estreita entre os Estados membros e a harmonización de criterios para unha protección máis eficaz.

The contents of this page were updated on 07.04.2025.