Skip to main content

Alberto Cabada tomou posesión como decano de Matemáticas

O decano Alberto Cabada e o reitor Antonio López saúdanse momentos antes da toma de posesión. Foto: Santi Alvite
O decano Alberto Cabada e o reitor Antonio López saúdanse momentos antes da toma de posesión. Foto: Santi Alvite
O novo decano reivindica o centro como unha “comunidade cohesionada, construída sobre o rigor, o esforzo colectivo e a vocación académica”

“A Facultade de Matemáticas é moito máis que unha unidade docente e investigadora: é unha comunidade cohesionada, construída sobre o rigor, o esforzo colectivo e a vocación académica”. Con estas palabras definiu o novo decano, Alberta Cabada Fernández, a Facultade que dirixirá os vindeiros seis anos no acto de toma de posesión que o reitor Antonio López presidiu esta mañá. O reitor agradeceu tanto ao novo decano como aos anteriores equipos da profesora Elena Vázquez Cendón o esforzo e a xenerosidade de ter asumido responsabilidades de xestión, por representar este compromiso unha garantía da autonomía universitaria. López aludiu ao carácter emblemática deste centro compostelán cunha alta demanda e enorme interese entre o novo estudantado, atracción que ligou “ao bo traballo que se fai dende o propio centro por prestixiar estes estudos”.

Tomando o relevo de Elena Vázquez Cendón o pasado mes de abril, o novo decano dixo asumir o decanato “coa ilusión de seguir facendo medrar a Facultade, con responsabilidade, pero tamén con alegría e confianza no futuro. Porque temos unha comunidade forte, comprometida e apaixonada polas matemáticas”. Alberto Cabada aludiu aos principais retos de “presente e de futuro”, tanto dende o punto de vista das infraestruturas como de carácter organizativo e de planificación. Neste último apartado sinalou o Plan Estratéxico do centro, o desenvolvemento e consolidación do Sistema de Garantía Interno de Calidade ou o futuro novo plano de estudos do Grao en Matemáticas.

O decano salientou como un dos “sinais de identidade máis claros” da Facultade a aposta decidida polos dobres graos. Na súa opinión, na inmensa maioría dos casos, tanto o grao en Matemáticas como os dobres graos asociados á Facultade “son a primeira opción escollida polo estudantado que os cursa, o que demostra a gran confianza e o alto crédito que a sociedade en xeral, e a galega en particular, deposita en nós”. “Este dato é moito máis que unha estatística: é un recoñecemento explícito ao prestixio da nosa formación, unha formación esixente, sen dúbida, pero que ofrece unha enorme versatilidade aos nosos egresados”, engadiu.

En relación á oferta docente, tanto de grao como de mestrado, Alberto Cabada considera que a Facultade conta cunha “estrutura formativa coherente, ambiciosa e altamente recoñecida tanto dentro como fóra de Galicia. Son, sen dúbida, un claro caso de éxito das matemáticas galegas”. Neste capítulo, no caso específico do Mestrado en Matemáticas, o decano indicou que a súa desaparición “provocará, máis pronto que tarde, un descenso na matrícula de alumnado altamente motivado e cualificado, o cal repercutirá negativamente en todas titulacións impartidas no centro e no propio dinamismo investigador”.

Fronte esta situación, “dende este decanato seguiremos traballando con determinación para reverter esta situación, convencidos de que a Facultade de Matemáticas debe seguir formación profesionais de excelencia”.

A profesora Elena Vázquez Cendón fixo un percorrido pola evolución do centro nos últimos anos dende a súa primeira toma de posesión en 2017, agradecendo de xeito particular e detallado a colaboración e o esforzo desenvolvido tanto dende a propia Facultade como dende outras entidades coas que se desenvolven múltiples liñas de colaboración.

Alberto Cabada Fernández

Alberto Cabada Fernández (Sarria, 1966) é catedrático de Análise Matemática e investigador asociado ao Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga). Con anterioridade a esta nova etapa, xa ocupara cargos de responsabilidade en xestión como secretario do centro entre 1997 e 2001, director do Departamento de Análise Matemática entre 2005 e 2013 e como director do Instituto de Matemáticas da USC entre 2014 e 2019.

A súa actividade investigadora céntrase principalmente no estudo cualitativo de solucións de ecuacións diferenciais ordinarias, con especial fincapé nas propiedades das denominadas funcións de Green. Nese ámbito, é autor ou co-autor de arredor de 190 publicacións científicas incluídas no Journal Citation Reports (JCR), así como de tres monografías, ademais de ter dirixido sete teses de doutoramento. 

O novo equipo decanal xunto co reitor, a secretaría xeral e a ex decana. Foto: Santi Alvite
O novo equipo decanal xunto co reitor, a secretaría xeral e a ex decana. Foto: Santi Alvite
A toma de posesión contou cunha numerosa participación de membros da comunidade universitaria do centro
A toma de posesión contou cunha numerosa participación de membros da comunidade universitaria do centro
Público asistente á toma de posesión
Público asistente á toma de posesión
The contents of this page were updated on 07.04.2025.