Skip to main content

Entregados os Premios Extraordinarios de Doutoramento do curso 22-23

As persoas premiadas xunto coa autoridades académicas que interviñeron no acto de entrega. Foto: Santi Alvite
As persoas premiadas xunto coa autoridades académicas que interviñeron no acto de entrega. Foto: Santi Alvite
Outorgáronse un total de 30 premios para as áreas de Artes e Humanidades, Ciencias e Enxeñarías, Ciencias da Saúde e Ciencias Sociais e Xurídicas
Lugo, Santiago de Compostela

O Colexio de Fonseca acolleu a entrega protocolaria de Premios Extraordinarios de Doutoramento correspondentes ao curso 22/23 presidida polo reitor Antonio López. A convocatoria é un recoñecemento á excelencia na investigación doutoral, que se outorga a aquelas persoas que defenderon unha tese con resultados sobresaíntes, nesta ocasión na convocatoria correspondente ao curso 22-23. Estes premios permiten poñer en valor o máximo nivel académico que outorga o ensino universitario, o título de doutoramento, indicou o reitor na súa intervención para quen estes traballos son un “soporte esencial” dunha das tarefas fundamentais da USC, a da investigación, “esencial para o avance da sociedade”.

Nesta convocatoria dos Premios Extraordinarios de Doutoramento 22/23 outorgáronse un total de 30 premios repartidas entre as áreas de Artes e Humanidades, Ciencias e Enxeñarías, Ciencias da Saúde e Ciencias Sociais e Xurídicas. O acto desta mañá permite recoñecer e celebrar “anos de estudos rigoroso, paixón pola busca de coñecemento e renuncias”, destacou a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José Lopez Couso. A vicerreitora animou aos novos doutores e doutoras a que este recoñecemento non sexa un fin en si mesmo senón “unha forza motriz para seguir avanzando”.

Na quenda de intervención do acto protocolario, o director da Escola de Doutoramento Internacional da USC (EDIUS), Pablo Taboada Antelo, indicou que os traballos que concorreron á convocatoria comparten un alto grao de calidade e excelencia e representan “a esencia da USC”. Na súa opinión, no seu conxunto denotan “a boa saúde da investigación que se fai na USC” e constitúen “unha forza esencial” para a actividade da universidade no eido investigador.

En representación do conxunto de premiados e premiadas interveu Antía Tacón García, do Programa de Doutoramento en Estudos da Literatura e a Cultura, recoñecida pola Área de Artes e Humanidades. Agradeceu o recoñecemento en nome de todas as persoas premiadas e loou a posibilidade de facer investigación de calidade dende a universidade pública, pola súa independencia, agradecendo este recoñecemento a anos de esforzo. Pechou a súa intervención animando aos novos doutores e doutras e devolver á sociedade parte do esforzo recibido a través da súa formación con recursos públicos e a “seguir construíndo o futuro”.

The contents of this page were updated on 07.07.2025.