Skip to main content

A USC recoñece catro novas boas prácticas de calidade nos seus centros

Foto de grupo das persoas responsables das catro iniciativas. Foto: Santi Alvite
Foto de grupo das persoas responsables das catro iniciativas. Foto: Santi Alvite
Redes sociais para fomentar a resposta do estudantado, guía para o novo PDI, campaña para a participación nas enquisas de satisfacción e optimización dos procesos de traballo en Unidades de Xestión foron as premiadas este ano
Lugo, Santiago de Compostela

Un ano máis, a Universidade de Santiago volveu recoñecer as boas prácticas de calidade que poñen en marcha os seus centros docentes cuns premios que xa van pola sexta edición e que hoxe entregou catro novos, que pasan a sumarse ás 35 xa existentes. O acto presidiuno en San Xerome o reitor Antonio López e nel tamén participaron a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, e o adxunto á Vicerreitoría para a Calidade, Antonio Mosquera Gonzalez.

Foron agraciados con este recoñecemento as Facultades de Ciencias da Comunicación polas redes sociais FaCom; a de Ciencias Económicas e Empresariais pola optimización dos procesos de traballo na Unidade de Xestión de Centros e Departamentos; a de Formación de Profesorado pola súa guía para PDI de nova incorporación; e a de Matemáticas pola campaña de visibilización sobre a relevancia das enquisas de satisfacción da docencia recibida por parte do estudantado.

Enténdese como boa práctica o conxunto de principios, medidas, actuacións ou experiencias xa implantadas nun centro que, reportando vantaxes de forma constatada e probada nas distintas dimensións implicadas no seu Sistema de Garantía de Calidade, poida constituír un referente a seguir para outros centros. Todas as iniciativas poden consultarse no Repositorio de Boas Prácticas.

O reitor congratulouse no acto polas boas prácticas premiadas, todas elas sobre “cuestións moi diversas ás que temos que enfrontarnos cada día na universidade e que foron moi ben resoltas para converterse en accións dunha notable utilidade”. No mesmo senso, a vicerreitora quixo agradecer o traballo continuado nos centros para contribuír “ao propósito colectivo de mellorar a calidade do día a día”, e salientou a vontade de que as prácticas premiadas poidan ser compartidas e replicadas. “O que funciona nun centro tamén pode servir de inspiración para a mellora de procesos e procedementos noutro”, dixo.

Redes e optimización de procesos

A responsable do Programa A Ponte na Facultade de Ciencias da Comunicación, Sara Pérez Seijo, e a responsable dos vídeos de redes sociais do mesmo centro, Reyes Abad, recolleron o premio pola iniciativa que naceu cunha campaña para animar á participación do estudantado e que se sustentaba en diversas accións en redes sociais dirixidas a ese colectivo.  Segundo Sara Pérez, “houbo un notable incremento na taxa de resposta do estudantado logo de poñer en marcha esta campaña”.

Pola súa banda, a vicedecana de calidade da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Romina García,  explicou que o recoñecemento “é froito da colaboración continuada do decanato cun equipo da Unidade de Xestión moi comprometido”, asegurou, en presenza da súa responsable, Elena Sieiro. A optimización premiada abrangue tres ámbitos: o da organización interna da propia Unidade nestes últimos anos; a transformación dixital en case todos os procesos; e accións no campo da información dirixida ao estudantado.

Guía para PDI e enmquisas de satisfacción

Pola súa banda, o coordinador do mestrado en Profesorado da Facultade de Formación do profesorado de Lugo, Carlos Dosil, explicou que a guía para o PDI de nova incorporación responde a unha necesidade do propio centro como é favorecer a integración do novo persoal dada a gran mobilidade desa facultade.

Por último, a vicedecana responsable de Calidade da Facultade de Matemáticas, Mercedes Conde, explicou que a iniciativa que resultou premiada consistiu na programación de visitas presenciais a todas as clases expositivas do centro para informar o estudantado da importancia de participar nas enquisas de satisfacción da calidade da docencia recibida á vez que lles deixaban un tempo para as cubrir. Tal foi o éxito desta iniciativa que só nun cuadrimestre pasaron do 32% ao 65% de enquisas cubertas.
 

As autoridades, coas persoas premiadas e público acompañante. Foto: Santi Alvite
As autoridades, coas persoas premiadas e público acompañante. Foto: Santi Alvite
The contents of this page were updated on 07.08.2025.