Skip to main content

As 50 persoas beneficiarias das Bolsas Europa coñecen a USC

Foto de grupo das persoas participantes do programa Bolsas Europa. Foto: Santi Alvite
Foto de grupo das persoas participantes do programa Bolsas Europa. Foto: Santi Alvite
Chegan a Compostela procedentes de Alcalá de Henares, Londres, París e Bruxelas

O reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, recibiu este luns no Salón Nobre do Colexio de Fonseca as 50 persoas beneficiarias das Bolsas Europa, que estaban acompañadas pola directora executiva de Bolsas Europa, Carola Díaz de Lope-Díaz; o director académico, Juan Serrano; e a coordinadora das Bolsas, Anna Bofill, así como por nove docentes da Universidade e cinco persoas monitoras, todas elas estudantes que acaban de graduarse na Escola de Liderado Universitario.

O Programa Becas Europa é unha iniciativa que nace do esforzo conxunto do Banco Santander e a Universidade Francisco de Vitoria por premiar e potenciar o talento do estudantado preuniversitario de España. Pretende dar a coñecer Europa e a súa Universidade á mocidade á vez que facela partícipe do desafío que supón a creación dun ámbito universitario europeo fomentando o seu liderado persoal e académico. Para iso, ao longo de varias semanas coñecen de primeira man a realidade universitaria europea nun percorrido polas súas principais universidades.

A visita na Universidade compostelá continuou cunha visita guiada ao seu patrimonio histórico e unha conferencia da profesora Begoña Fernández no Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia. Xa pola tarde, é a quenda do profesor Jorge Mira no Salón Nobre de Fonseca.

A comitiva que chegou á USC este luns comezou o seu programa na Universidade de Alcalá para logo trasladarse a Londres, onde visitaron o Clare College de Cambridge. De aí marcharon a París e Bruxelas, onde coñeceron a Universidade Libre e a de Lovaina.

The contents of this page were updated on 07.14.2025.