Mundo Mullu, a peluche que coida as emocións e o planeta

Ás veces, os grandes cambios nacen dos pequenos xestos. Un neno abraza unha peluche e, sen sabelo, recibe non so calor e consolo, senón tamén unha lección de empatía e respecto pola natureza. Así é Mundo Mullu, o proxecto que, con apenas un ano de vida en España, acaba de recibir o primeiro premio do Programa Explorer do Campus Terra, conquistando ao xurado coa súa mestura de innovación social, conciencia ambiental e tenrura feita a man.
O Programa Explorer do Campus Terra é unha iniciativa de apoio ao emprendemento promovida por Santander Universidades coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e a Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade. O programa é unha plataforma de preincubación en liña e gratuíta que busca apoiar a mozas e mozos con ideas de negocio innovadoras e sostibles.
Unha compañeira que coida e educa
A historia de Mundo Mullu comezou en Perú en 2022 como un proxecto escolar. O que parecía un simple xoguete transformouse nunha idea revolucionaria: crear peluches terapéuticas capaces de acompañar aos nenos no seu desenvolvemento emocional.
Explícano os propios protagonistas: «Vimos que unha peluche podía ser moito máis que só iso; podía ser a amiga dos nenos que os coida e os educa. Descubrimos que as nosas peluches son un gran apoio para nenos con trastorno do espectro autista, porque as súas propiedades relaxantes axúdanlles a acougarse ante estímulos externos», explican.
Un abrazo que protexe a biodiversidade
Cada peluche representa un animal en perigo de extinción, co obxectivo de ensinar aos nenos a importancia de protexer a biodiversidade. «En Mundo Mullu integramos a conciencia ambiental e o autocuidado emocional desde o deseño mesmo das nosas peluches. Cada unha vén acompañada dun certificado de adopción e un conto que narra a súa historia», sinala o equipo.
O resultado é unha experiencia educativa e afectiva que conecta aos máis pequenos co planeta e os seus habitantes máis vulnerables.

Terapia en forma de tenrura
O que distingue ás Mullus non é só a súa aparencia entrañable, senón a súa tecnoloxía natural de benestar. Cun recheo de linaza e follas de eucalipto, ofrecen beneficios de aromaterapia e termoterapia. Ao quentalas, desprenden unha calor reconfortante que axuda a regular emocións e achega calma.
«Ter unha Mullu significa para un neno experimentar un benestar integral. Promovemos o autocuidado emocional mediante propiedades terapéuticas que estimulan a relaxación, a autorregulación emocional e o desenvolvemento motriz», afirman os impulsores da iniciativa.
O impulso do Programa Explorer
A participación no Programa Explorer do Campus Terra foi determinante para o crecemento do proxecto. «Foi todo un reto ao cal lle dedicamos moitas horas, e desde logo que valeu a pena. Adquirimos coñecementos novos e, sobre todo, recibimos a retroalimentación das nosas mentoras e compañeiros, quenes nos recomendaron como complementar o noso produto», lembra o equipo.
Ser finalistas non só validou a súa proposta, senón que lles deu confianza para seguir avanzando. «Gañar foi unha maneira de validar a nosa idea e darnos un empuxón para seguir cara a adiante con todas as ganas».
Tres mozos, un mesmo soño
A alma de Mundo Mullu fórmana tres novos con perfís complementarios:
- Teo Espinoza, 18 anos, peruana, fundadora e CEO, estudante de Administración e Dirección de Empresas (ADE).
- María Fernández Alonso, 24 anos, graduada en Educación Infantil e estudante de ADE, responsable do desenvolvemento educativo.
- Alejandro Morquecho Ortiz, 23 anos, recentemente graduado en ADE, encargado da área financeira.
Mirando ao futuro
Co aval do Programa Explorer e a acollida que tivo a súa proposta, Mundo Mullu mira ao futuro con ilusión. A súa meta é clara: que cada neno que abrace unha Mullu reciba non só a calor dunha peluche, senón tamén unha mensaxe de empatía e esperanza.
«Isto é só o comezo. Queremos que cada neno que abrace unha Mullu senta a calor dun amiga que o coida, o educa e lémbralle a importancia de coidar o mundo no que vive», conclúen.