Skip to main content

Compostela converterase do 1 ao 4 de setembro en epicentro da lingüística inglesa

Imaxe oficial do congreso
Imaxe oficial do congreso
A oitava edición da Conference of the International Society for the Linguistics of English desenvólvese baixo o lema ‘A lingüística inglesa en evolución: ampliando horizontes’
Santiago de Compostela

A USC acollerá do 1 ao 4 de setembro o congreso internacional ISLE8 (8th Conference of the International Society for the Linguistics of English), organizado por dous grupos de investigación do Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá da Facultade de Filoloxía: Variation Linguistic Change and Grammaticalization (VLCG) e Spoken English Research Team at the University of Santiago (SPERTUS). O comité organizador está presidido pola catedrática de lingüística inglesa María José López Couso, que ocupa desde xullo de 2021 o cargo de vicepresidenta da International Society for the Linguistics of English (ISLE), a asociación científica de maior relevancia nos ámbitos da lingua e a lingüística inglesas a nivel internacional. O acto inaugural presidido polo reitor Antonio López Díaz desenvolverase no Colexio de Fonseca, o día 1 de setembro, a partir das 18.15 horas. O resto das sesións terán lugar no Edificio Fontán da Cidade da Cultura. 

O evento, que ten como lema 'English Linguistics on the Way: Expanding Horizons' (‘A lingüística inglesa en evolución: ampliando horizontes’), reunirá preto de 200 especialistas en todas as áreas de estudo da lingua e da lingüística inglesa procedentes de 26 países diferentes. O obxectivo do congreso é fomentar o debate interdisciplinar en ámbitos temáticos como a lingüística histórica, sociolingüística, cambio e variación lingüística, variedades do inglés, aspectos fonolóxicos, semánticos, sintácticos e pragmáticos da lingua inglesa, o inglés como lingua franca, o ensino do inglés como lingua estranxeira ou como segunda lingua, e a compilación de corpus computarizados.

O programa inclúe preto de 120 relatorios, catro obradoiros, unha sesión de pósteres e cinco conferencias plenarias, que estarán impartidas por Bernd Kortmann (Universidade de Freiburg, Alemaña), Alexandra D’Arcy (Universidade de Victoria, Canadá), María del Pilar García Mayo (Universidade do País Vasco), Daniela Landert (Universidade de Heidelberg, Alemaña) e Graeme Trousdale (Universidade de Edimburgo, Reino Unido).

ISLE8 forma parte da serie de congresos que comezou en 2008 na Universidade de Friburgo de Brisgovia (Alemaña) e que tivo a súa continuidade en Boston (EE.UU, 2011), Zurich (Suíza, 2014), Poznan (Polonia, 2016), Londres (Reino Unido, 2018), Joenssu (Finlandia, 2021) e Brisbane (Australia, 2023).

Ademais dos congresos da asociación, ISLE organiza foros en liña, premios de investigación (para persoal investigador novel), de divulgación e de ensino. Así mesmo, publica a revista científicaEnglish Language and Linguistics(Cambridge University Press), una das publicacións periódicas de maior impacto internacional no ámbito da lingüística.

The contents of this page were updated on 08.25.2025.