A colaboración entre USC e Deputación reforzará o potencial investigador e de transferencia do campus lucense

A USC e a Deputación provincial de Lugo acaban de selar un novo acordo para o reforzo de institutos e centros de investigación no campus lucense. O convenio asinado este martes 11 polo reitor Antonio López Díaz e polo presidente José Tomé Roca tamén pon o foco no mantemento e mellora do Campus e no apoio á divulgación científica. A transferencia de coñecemento e a difusión da oferta docente son tamén eixos desta sinerxía que se centra ademais na promoción de prácticas. A institución provincial achega 370.500 euros á USC para colaborar co financiamento de múltiples iniciativas para potenciar o Campus de Lugo e manter a excelencia académica.
Antonio López destacou que “a actividade investigadora e de transferencia que se desenvolve no Campus de Lugo é crucial para o avance dos eidos agroalimentario e forestal de Galicia. Como campus de especialización, no Campus Terra, cultívase o xermolo do coñecemento que moderniza o rural galego. Para que este rumbo non se free, resulta indispensable a colaboración institucional”.
Neste sentido, o reitor agradeceu a colaboración da Deputación de Lugo “por contribuír un ano máis ao reforzo de institutos e centros de investigación, así como ao mantemento e mellora no Campus de Lugo. Ademais, o convenio que hoxe asinamos pon tamén o foco na repercusión social de todo o que facemos dende a Universidade”.
“Tan necesario como investigar é compartir toda esa sabedoría xerada, motivo polo cal é tan importante este acordo, porque tamén se centra na divulgación científica. Ademais, a sinerxía coa Deputación permite promover practicas na Granxa Gayoso Castro, así como en diferentes empresas, dando pulo á inserción laboral do noso estudantado”, rematou Antonio López.

Pola súa parte, José Tomé enmarcou este acordo dentro do compromiso da Deputación de Lugo co ensino superior público e recordou que “somos a administración local española que realiza unha maior achega económica á universidade. Por iso, este convenio contempla iniciativas para o reforzo dos centros de investigación, fomentar a divulgación científica e apoiar a promoción tanto da formación práctica como das titulacións que se imparten no Campus de Lugo”.
Sinalou Tomé Roca que “estamos a falar dun campus de especialización que conta cun profesor por cada dez estudantes o que garante unha atención individualizada, unha maior interacción e unha calidade docente exemplar. Esta vantaxe vese reforzada coa nosa achega, que se traduce en novas infraestruturas, en innovación tecnolóxica e en maiores facilidades para a formación práctica do estudantado”.
O presidente recalcou a estreita relación que manteñen ambas as institucións e recordou que “ademais desta achega anual levamos a cabo outras colaboracións como a cesión de terreos que realizamos, de xeito gratuíto, para construír a nova Facultade de Formación do Profesorado” e avanzou que “a valgada do Campus, na que inauguramos recentemente a gaiola de drons, tamén é un terreo de titularidade provincial. Ademais, achegamos 9.500 euros para promover actividades de investigación tecnolóxica e ofrecemos a Granxa Experimental de Leite para que o estudantado poida realizar prácticas reais”.
