Skip to main content
  • Research

Atlantic Sunset conmemorará o Interreg Cooperation Day cun evento de posta en valor do último solpor da Europa continental

Posta de sol na Costa da Morte. FOTO: Jorge Mira
Posta de sol na Costa da Morte. FOTO: Jorge Mira
Este proxecto foi o seleccionado polo programa Interreg da Unión Europea para esta celebración na área atlántica
Santiago de Compostela

A Costa da Morte está a ser, ata o vindeiro 19 de setembro, o lugar no que se produce o último solpor da Europa continental. A partir desa data, será o portugués Cabo da Roca o que albergue esa visión privilexiada, nunha secuencia que vincula ao longo do ano destacados puntos xeográficos de Europa e que é unha das bases do proxecto Atlantic Sunset, financiado polo programa Interreg Atlantic Area e que conta coa participación de investigadores da USC. 

Este simbólico vínculo motivou que o proxecto fose o seleccionado dentro do espazo atlántico para conmemorar o Interreg Cooperation Day, que celebra a cooperación europea alén das fronteiras e que cada ano reúne miles de persoas en eventos culturais, deportivos e comunitarios organizados por programas Interreg en todo o continente. O obxectivo é mostrar, a través de actividades participativas, os resultados reais da cooperación europea e o seu impacto nas diferentes rexións. É a primeira vez que os países europeos con lugares historicamente considerados ‘finis terrae’ se unen nun proxecto europeo.

A xornada celebrarase o 19 de setembro na Costa da Morte, e contará cunha serie de actividades coas que poñer en valor o solpor como unha marca de identidade do territorio, alén de dar pulo á contemplación do ocaso como unha forma de turismo única, sustentable e integradora do Espazo Atlántico. 

O evento será unha “celebración da cooperación transfronteiriza europea, das belas postas de sol de Europa continental, da espiritualidade do Camiño de Santiago e da singularidade da Costa da Morte, o fin da terra coñecida polos romanos”, explican dende a organización da actividade. Así, Cabo Touriñán, Cabo Fisterra e Monte Pindo verán recoñecida a súa particularidade cunhas placas informativas da súa condición de observatorios do último solpor europeo durante determinados períodos do ano. Divulgación científica, experiencias inmersivas de realidade virtual, música e a contemplación do atardecer, integran, xunto a  outras sorpresas, un programa deseñado para fomentar a interacción comunitaria. “Queremos que este sexa un momento de celebración, pero tamén de compromiso político, de promoción económica e desenvolvemento empresarial, de achegamento á cidadanía e dunha boa atmosfera acompañada por melodías galegas tocadas por músicos locais”, explican.

Programa

A programación do día 19 está artellada arredor de dous intres. A partir das 18.00 horas, en Cabo Touriñán (Muxía), colocarase a placa conmemorativa que acredita ese espazo como un dos escenarios nos que, durante unha parte do ano, se produce o derradeiro solpor da Europa continental. Nesa parte do acto tamén se fará entrega de placas análogas a Viana do Castelo e Carnota, espazos identificados como estratéxicos no marco do proxecto. Coa inauguración dese primeira placa informativa, dá comezo unha iniciativa que irá colocando outras similares en diferentes puntos previamente identificados polo equipo investigador e que pasarán, ademais de pola Costa da Morte, por lugares tan representativos como Cabo da Roca (o punto máis occidental de Europa continental) e cabo San Vicente en Portugal, o Finistère francés, o Land´s End inglés, o Cabo Norte de Noruega, e outros puntos simbólicos a nivel europeo ou estatal en países como Irlanda, Francia, Portugal ou España.

A partir das 19.30 horas, a conmemoración trasládase á Praza Stephen Hawking en Cabo Fisterra, onde os profesores da USC Lucrezia López e Rubén Lois abordarán a importancia da Costa da Morte no imaxinario do Camiño de Santiago e o seu vínculo coa posta de sol. A seguir, no miradoiro de Cabo Fisterra realizarase unha presentación do proxecto Atlantic Sunset para, xusto despois, ás 20.20 horas, gozar da contemplación do solpor no marco dunha actividade de observación e celebración comunitaria co acompañamento do catedrático da USC, Jorge Mira, e do profesor da Universidade de Sevilla, José Maria Martin Olalla. O acto contará coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco. Todo o programa de actividades está aberto ao conxunto da cidadanía. 

O proxecto 

Liderado pola Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER), este proxecto constitúe un fito no aproveitamento turístico sostible do solpor fóra dos grandes destinos de postas de sol europeas. O proxecto, asentado sobre a experiencia de diferentes grupos de investigación de referencia europea no ámbito da física e a xeografía, busca aproveitar non só a beleza natural asociada ás mellores e máis particulares postas de sol do Atlántico senón tamén identificar e valorizar os recursos endóxenos locais asociados ao sol e que se converten nun reclamo patrimonial.

A base do proxecto foi un estudo científico que o catedrático da USC Jorge Mira realizou arredor das últimas postas de sol de Europa. Grazas ao seu traballo, identificáronse puntos estratéxicos en Galicia e Portugal para a observación dos últimos crepúsculos continentais. Así, no marco de Atlantic Sunset vincúlase a investigación sobre as ultimas postas de sol coa súa coincidencia simbólica e histórica co finis terrae galego e francés, o land´s end de Reino Unido e as súas equivalencias nos casos irlandés e noruegués, alén de “afinar lugares noutras xeografías onde acontece tan particular evento”, explican dende o proxecto. 

Ademais da Fundación CEER e da Universidade de Santiago de Compostela  a través do Grupo de Investigación de Análisis Territorial (ANTE), o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e o Departamento de Física Aplicada, integran tamén o proxecto Wireless Galicia e a Universidad de Sevilla, en España; Universidade do Porto, en Portugal; Université d'Angers, en Francia; e University of Galway, en Irlanda. Ademais, Atlantic Sunset está apoiado sen financiamento por un grupo diverso de entidades asociadas, como Turismo de Galicia, CMAT (Costa da Morte), Innovation Norway (Visit Norway), INCITE-CSIC, Associação Nacional de Municípios Portugueses, Visit Cornwal, Mayo Dark Sky Park / Wild Nephin National Park, Technological University Dublin, Turismo de Porto e Norte de Portugal, Cornwall Council, Iroise Bretagne Tourist Office,  e o Xeoparque Cabo Ortegal. O proxecto conta cun orzamento de máis de 1.300.000 euros (financiados ao 75% con fondos FEDER) durante tres anos.

O Interreg Espazo Atlántico 2021-2027 é un programa de financiamento europeo que promove a cooperación transnacional na parte occidental do océano Atlántico e inclúe todas as rexións de Irlanda e Portugal, así como varias rexións francesas e españolas. A misión do Programa é estar á vangarda da transición cara a unha Rexión Atlántica única, neutra en carbono e resistente ao cambio climático e resiliente ao clima. O programa fomenta a integración do desenvolvemento económico sostible, o benestar da sociedade e a preservación da biodiversidade.

Cartel do evento
Cartel do evento
The contents of this page were updated on 09.12.2025.