
USC Emprende é unha iniciativa da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da Universidade de Santiago de Compostela que pretende ensanchar e agrandar a cultura emprendedora da comunidade universitaria e que agora inicia unha fase piloto de lanzamento. O acto de presentación desta iniciativa, presidido polo reitor Antonio López Díaz, terá lugar o día 25 de setembro ás 12.15 horas no vestíbulo da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Acompañarán ao reitor na sesión inaugural Luis Otero, delegado do reitor para a Transferencia do Coñecemento; Marta Mariño, directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia; e José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia.
"Queremos que o emprendemento sexa unha actitude vital e optimista, que penetre de xeito transversal no tecido universitario da USC", explican dende a AVTE. "Queremos ser un motor para a posta en valor de ideas innovadoras e a súa transferencia para incentivar as expectativas de éxito do emprendemento universitario, e que sexa percibido con orgullo pola nosa comunidade universitaria", engaden á hora de definir os obxectivos da iniciativa.
Nesta fase piloto, intervirán seis centros da USC. No campus de Santiago, participan Filoloxía, Ciencias Económicas e Empresariais, a Escola Técnica Superior de Enxeñaría e Ciencias da Educación. No campus de Lugo, forman parte do programa a Facultade de Administración e Dirección de Empresas e a
Escola Politécnica Superior de Enxeñaría. Cada facultade participante conta cun Espazo Emprende, pensados no seu conxunto como dinámicos ecosistemas
de innovación para impulsar o espíritu emprendedor, a creatividade e a cultura emprendedora ao longo de todo o curso académico. Están concibidos e deseñados como espazos de coworking e ideación, flexibles e modernos, orientados á colaboración e equipados con mobiliario e dotación tecnolóxica de última xeración, creando unha contorna amigable e inspiradora para sesións de formación, brain storming, talleres e actividades de prototipado.
A sesión de presentación completarase co relatorio 'A transferencia de coñecemento na USC', a cargo de José Luis Villaverde, director da AVTE, e contará coa mesa redonda 'Ecosistema de apoio ao emprendemento universitario'. Neste coloquio intervirán Carmen Pumariño, directora de Zubi Capital Diversity Catalyst FCRE e directiva de Startup Galicia; Mª Inmaculada López, directora de CompluEmprende da Universidad Complutense de Madrid; Inmaculada Rodríguez, directora xeral de Unirisco; e Carme Casado, responsable do Departamento de Promoción Económica e do Proxecto de Planificación Estratéxica da Axenda Urbana 2030 do Concello de Santiago. Clausurará o acto Luis Otero, delegado do reitor para a Transferencia do Coñecemento.