Skip to main content

Dobre cita coa arte e o pensamento clásico, da man de Francisco Casadesús Bordoy

Vista exterior da Facultade de Filosofía
Vista exterior da Facultade de Filosofía
No marco das conferencia Mazarelos, abertas ao público xeral ata completar capacidade do espazo, terán como protagonista común a Francisco Casadesús Bordoy, especialista en filosofía antiga e tradición clásica

A Facultade de Filosofía será unha das sedes dunha dobre xornada de divulgación humanística que terá como protagonista ao catedrático Francisco Casadesús Bordoy (Universitat de les Illes Balears), especialista en filosofía antiga e tradición clásica. As conferencias celébranse no marco das Conferencias Mazarelos, un ciclo promovido pola Vicerreitoría de Estudantes e Cultura e o Instituto de Investigación en Humanidades (iHUS), e contan co apoio da Facultade de Filosofía e da Facultade de Xeografía e Historia da USC.

A primeira sesión terá lugar o xoves 25 de setembro ás 12.30 horas, no Salón de Actos da Facultade de Filosofía, baixo o título ‘Sócrates e os seus inimigos’. Casadesús Bordoy ofrecerá un percorrido polas controversias filosóficas e adversarios intelectuais de Sócrates, figura central da filosofía occidental.

O ciclo continuará o venres 26 de setembro ás 12.00 horas, na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia, coa conferencia ‘A escola de Atenas de Rafael: escenas e personaxes". Nesta intervención, o relator afondará na análise dunha das obras máis emblemáticas do Renacemento, deténdose nas súas figuras, simbolismo e contexto cultural.

Ambas sesións están abertas ao público xeral ata completar a capacidade dos espazos, e ofrecen unha oportunidade única para achegarse ao pensamento clásico desde unha perspectiva accesible e rigorosa.

The contents of this page were updated on 09.24.2025.