Skip to main content

Unha estudante do grao en IA integra a selección española que participará no European Cybersecurity Challenge

Selección española que participará no European Cybersecurity Challenge
Selección española que participará no European Cybersecurity Challenge
O evento desenvolverase en Varsovia do 6 ao 9 de outubro
Santiago de Compostela

Carmen Salvado Vicente, estudante do grao en Intelixencia Artificial da Universidade de Santiago de Compostela, é unha das integrantes da Selección Española de Ciberseguridade que representará a España no European Cybersecurity Challenge que se desenvolverá en Varsovia (Polonia) do 6 ao 9 de outubro.

O equipo, integrado por cinco mulleres e cinco homes, de entre 18 e 25 anos, foi seleccionado tras un proceso competitivo organizado polo Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) en colaboración con universidades públicas españolas, no marco dos programas CyberCamp, Cátedras e Proxectos estratéxicos de Ciberseguridade. Este modelo pioneiro permitiu conformar, por primeira vez, dúas seleccións paralelas –feminina e masculina– garantindo igualdade, mérito e capacidade, ata constituír de forma definitiva a Selección Española de Ciberseguridade.

As persoas integrantes do ECSC Team Spain 2025 representan unha mostra do mellor talento novo en ciberseguridade do país. Entre eles, atópanse estudantes universitarios de grao e postgrao que continúan a súa formación en mestrados e certificacións especializadas, así como mocidade profesional que xa desenvolven a súa carreira en empresas e organizacións do sector. Para chegar ata aquí, superaron un rigoroso proceso de selección que incluíu probas técnicas de tipo Capture The Flag (CTF), retos prácticos en distintas disciplinas da ciberseguridade e sesións de formación intensiva no marco do Cybersecurity Summer BootCamp 2025. Nesta contorna avaliáronse os seus coñecementos técnicos e a súa capacidade de traballo en equipo, o seu potencial competitivo e a súa proxección profesional, o que permitiu conformar un equipo estatal sólido e preparado para representar a España en Europa.

 

The contents of this page were updated on 09.29.2025.