Skip to main content

IX Congreso Nacional de Científicos Emprendedores

10.02.2025-10.03.2025

Santiago de Compostela

O Congreso desenvolverase na ETSE. Foto: Santi Alvite
O Congreso desenvolverase na ETSE. Foto: Santi Alvite

A novena edición do Congreso Nacional de Científicos Emprendedores, organizado pola Fundación Damián Rodríguez Olivares (DRO), a Fundación Botín e a Universidade de Santiago de Compostela, ten como propósito demostrar a persoal científico consolidado e estudantado galego e estatal que se pode emprender en ciencia a pesar das dificultades.

O encontro reunirá os días 2 e 3 de outubro na Escola Técnica Superior de Enxeñaría persoal investigador, startups, inversores e axentes do ecosistema para “dar visibilidade e pór en valor as start-ups e spin-offs, ademais de animar os investigadores e investigadoras a dar o salto ao emprendemento”, segundo explica Carlos Cosculluela, director da Fundación Damián Rodríguez Olivares (DRO), entidade dedicada á promoción do emprendemento científico e a transferencia de coñecemento en España. Coincide con el o catedrático Luis Otero, delegado do Reitor para Transferencia de Coñecemento da USC, que ve este congreso como “unha oportunidade única para a comunidade de emprendemento galego”.

Voces de referencia e exemplos galegos en primeira liña


O programa combina mesas redondas, presentacións, un obradoiro e oportunidades de networking para os actuais e futuros emprendedores e emprendedoras, cun forte acento no investimento deep tech e casos reais nacidos en Galicia, para contribuír non só a promover novas iniciativas con foco na ciencia, senón tamén acelerar aquelas xa existentes e en fase de crecemento.

O xoves 2 ás 9:00 horas está prevista a apertura do evento, no que participarán Luis Otero, a presidenta da Fundación DRO, Inmaculada Rodríguez, e a responsable da área de ciencia de Fundación Botín, Pepa Limeres .

Nesa xornada destaca a mesa redonda ‘Startups científicas que están cambiando o mundo’, que moderará Diego Suárez, da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC, coa participación de Desirée Teijeiro (LiberaBio), Juan Romero (PhotoIlike) e Maruxa Quiroga.

Tamén está prevista a mesa ‘Como espertar o interese do ecosistema inversor’, que abordará criterios de inversión, TRL e dealflow con Inmaculada Rodríguez, directora xeral de Unirisco -vehículo pioneiro de capital risco vinculado a universidades en España-; Jose María Elorza, co fundador de MOA Food Tech; Carlos Caballero, director de UCAM HiTech; e Antonio López, CEO de SILO;

Deep tech


O venres 3 a dinámica cambia, poñendo o foco directamente nas persoas emprendedoras. Iníciase a xornada coa conferencia ‘Da incerteza ao propósito: Ciencia e emprendemento nun mundo en convulsión’, a cargo do catedrático da Universidade de Alacante e fundador de CELERA, Javier García Martínez, e seguiralle o Foro de inversión, onde 10 empresas presentarán ante un panel de inversores as súas solucións innovadoras coa fin de buscar e establecer sinerxías que os axuden a impulsarse. A continuación, na competición de proxectos DeepTech, 8 proxectos en fase temperá terán a oportunidade de defender as súas ideas ante un ecosistema de posibles fontes de financiamento, socios estratéxicos e perfís executivos que os apoiarán no seu salto ao mercado. A xornada rematará coa entrega de premios, que contará coa presenza da directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo.
 

The contents of this page were updated on 09.30.2025.