Skip to main content

A creación e difusión de material didáctico multimedia sobre o control da maleza serve de colofón para o proxecto Oper8

O proxecto Oper8 ofrece coñecemento e ferramentas para profesionais da agricultura, persoal asesor e responsables políticos de toda Europa
O proxecto Oper8 ofrece coñecemento e ferramentas para profesionais da agricultura, persoal asesor e responsables políticos de toda Europa
A USC liderou o paquete de traballo encargado da creación dos materiais de diseminación e das recomendacións políticas, coordinando a produción e dispoñibilidade de todos os recursos para o conxunto da rede
Lugo

As especies arvenses seguen a ser un dos maiores retos para unha produción agrícola sostible. Para facerlle fronte, o proxecto Oper8, que agora chega á súa fin, traballou nun intercambio de métodos de control alternativo de especies arvenses dentro dunha rede a nivel europeo. Os resultados están xa dispoñibles no seu web en forma de fichas técnicas, resumos de prácticas, vídeos demostrativos, podcasts, boletíns informativos, un módulo de formación en liña e outros materiais.

O proxecto Oper8 ofrece coñecemento e ferramentas para profesionais da agricultura, persoal asesor e responsables políticos de toda Europa. Os materiais están dispoñibles en sete idiomas e foron elaborados polos grupos operativos que participan no proxecto, organizacións agrarias, persoal investigador aplicado e institucións académicas de toda Europa. A USC liderou o paquete de traballo encargado da creación dos materiais de diseminación e das recomendacións políticas, coordinando a produción e dispoñibilidade de todos os recursos para o conxunto da rede.

As fichas técnicas e os resumos de prácticas foron producidos polas entidades socias en todos os países participantes (Grecia, Italia, Francia, España, Reino Unido, Letonia e Suecia) e baséanse en boas prácticas identificadas en cada país para reducir o uso de herbicidas. As prácticas clasifícanse segundo a súa principal aplicación en viñedos, cultivos hortícolas ou cultivos herbáceos. Tamén se produciron vídeos breves para destacar algunhas das boas prácticas, gravados a miúdo en conxunto coas actividades de demostración organizadas durante o proxecto.

Froito dunha ampla rede

No Banco de Coñecemento pódense atopar máis de 80 fichas técnicas en sete idiomas, 100 resumos de prácticas tamén en sete idiomas, máis de 50 vídeos demostrativos, un módulo de formación en liña (as persoas participantes que o completen poden obter un Certificado de Finalización), 20 episodios de podcast, un inventario que reúne máis de 700 publicacións e estudos científicos sobre métodos de xestión alternativa de especies arvenses, así como 

boletíns informativos. Todos estes materiais son froito dunha ampla rede que integra organizacións agrarias, persoal investigador aplicado e institucións académicas de toda a UE.

Oper8, do que forma parte a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) da USC, reúne oito grupos operativos de sete países das áreas mediterránea, atlántica e nórdica para definir solucións viables e con impacto ambiental positivo no control das malas herbas e de potencial aplicación na viticultura e outros sistemas agrícolas. Deste xeito, asegúrase unha representación equilibrada de diferentes sistemas de produción.

The contents of this page were updated on 10.06.2025.