Skip to main content

O grupo MetBioCat e as empresas de base tecnolóxica AMS-Lab e Ventilatio Lab, recoñecidas nos premios GCiencia Galicia Spin-Off

Os Premios GCiencia Galicia Spin-Off distinguen as empresas e grupos de investigación máis innovadores. FOTO: Santi Alvite
Os Premios GCiencia Galicia Spin-Off distinguen as empresas e grupos de investigación máis innovadores. FOTO: Santi Alvite
Os galardóns distinguen iniciativas innovadoras que destacan polo emprego da investigación para desenvolver os seus produtos e servizos
Lugo, Santiago de Compostela

MetBioCat do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) acaba de ser recoñecido na categoría de grupos de investigación no marco dos Premios GCiencia Galicia Spin-Off que chegan xa á súa novena edición. Os galardóns recoñecen tamén dúas empresas de base tecnolóxica emerxidas da USC, trátase de AMS-Lab na categoría de Selo de Calidade, saída do Campus de Lugo, e Ventilatio Lab na de Idea Emerxente, nacida no campus compostelán.

MetBioCat conta como investigador principal co catedrático de Química Orgánica da USC e ex director científico do CiQUS, José Luis Mascareñas. O xurado destacou a traxectoria desenvolvida polo grupo coa obtención de preto de catro millóns de euros en financiamento e o rexistro de 26 patentes.

Na categoría Selo de Calidade, que premia as iniciativas empresariais cunha traxectoria destacada na aposta pola innovación e a investigación, o premio foi para o grupo AMS-Lab, que xurdiu en Lugo no ano 2008 e foi fundada como spin-off por un grupo de químicos da Universidade de Santiago de Compostela. AMS-Lab está constituído por unha serie de empresas biotecnolóxicas especializadas en solucións analíticas en distintos sectores. O xurado tivo en conta a traxectoria de éxito do grupo coa innovación, a sostibilidade e a investigación por bandeira.

No apartado de Idea Emerxente, que recoñece as empresas ou iniciativas desenvolvidas nos dous últimos anos, a gañadora foi a spin-off da USC Ventilatio Lab, unha compañía que aplicou unha innnovadora tecnoloxía de simulación CFD (Dinámica de Fluídos Computacional) para analizar e controlar o comportamento do aire en espazos interiores e exteriores. O xurado destacou a orixinalidade do proxecto e a obtención de resultados tanxibles, como o sistema de ventilación instalado na catedral de Santiago.

O xurado dos Premios GCiencia Galicia Spin-Off estivo composto nesta edición pola investigadora Cintia Folgueira; a subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnoloxía Universitaria da Xunta de Galicia, Irene Bonome; o director de Investimentos de Unirisco, Pablo Mosquera; o director de I+D de Mestrelab, Carlos Cobas; e o presidente do cluster Bioga, José Manuel López Vilariño. Participou con voz pero sen voto o director de GCiencia, Pablo López. Durante a súa deliberación o xurado destacou a alta calidade das candidaturas presentadas por iniciativa propia nos apartados Idea Emerxente e Grupos de Investigación, mentres que na categoría Selo de Calidade foron os membros do xurado os que presentaron as correspondentes propostas. 

Os Premios GCiencia Galicia Spin-Off distinguen as empresas e grupos de investigación máis innovadores e que destacan polo emprego da investigación para desenvolver os seus produtos e servizos. Entre as empresas e grupos galardoados nos últimos anos atópanse Alén Space, Mestrelab, Hifas da Terra, o grupo BioFarma da USC e o Laboratorio de Bases de Datos da UDC.  

Os galardóns, creados en 2015 para recoñecer a investigación universitaria e a transferencia, serán entregados o 7 de novembro no Pazo de San Roque de Santiago. Os Galicia Spin-Off convócaos GCiencia e contan co apoio da Secretaría Xeral de Universidades, Unirisco e Gadis.
 

The contents of this page were updated on 10.14.2025.