Os Premios Rafael Crecente recoñecen o proxecto SMARTERRAE que fortalece “a conexión da mocidade co territorio”

Lorena Salgado Fernández e Ruben Forján Castro son os creadores de ‘SMARTERRAE: formación científica aplicada no territorio e medioambiente dende etapas iniciais’, iniciativa galardoada co primeiro dos premios que levan o nome do que fora profesor da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus de Lugo, Rafael Crecente. O segundo premio do certame foi para Laura Prieto Rodríguez polo seu estudo rol transformador das comunidades enerxéticas na transición ecolóxica. A EPSE acolle este xoves 16 o acto de entrega duns galardóns que teñen como obxectivo impulsar a formulación e aplicación práctica de ideas novidosas que contribúan á mellora da xestión territorial, á conservación do medio ambiente e ao desenvolvemento rural en Galicia. Os galardóns inclúen un primeiro premio de 2.000 euros e un segundo de 1.000 euros, ademais dun diploma acreditativo.
SMARTERRAE presenta un modelo educativo que integra proxectos reais de xestión e conservación ambiental, a produción e difusión de resultados e a comunicación dixital a través de Instagram, “co obxectivo de fortalecer a conexión da mocidade co territorio no noroeste ibérico, ao tempo que se fomentan vocacións científicas”, explican os seus impulsores.
Pola súa parte, a investigación de Prieto Rodríguez explora mediante unha ampla revisión bibliográfica e normativa como as comunidades enerxéticas emerxen como unha resposta multidimensional aos retos máis urxentes do sistema enerxético. A investigación constata que estas iniciativas axudan á descarbonización ao promover a xeración renovable distribuída e xerar menor oposición cidadá que os grandes proxectos centralizados. Así mesmo, reducen a dependencia enerxética ao aproveitar recursos renovables locais, o que reforza a resiliencia e autosuficiencia ante crises xeopolíticas e volatilidade de prezos.
Os Premios Rafael Crecente distinguiron con accésit os traballos de Javier Ferreiro da Costa sobre as áreas protexidas de Galicia, de Guillermina Fernández Villar sobre persoas que se incorporan por primeira vez ao sector agrario, e Marta Pereira Ferrer sobre a recuperación de celulosa en estacións depuradoras de augas residuais urbanas.
Harvey M. Jacobs
A cerimonia, organizada polo Instituto de Biodiversidade e Desenvolvemento Rural (IBADER) e o Laboratorio do Territorio da Universidade de Santiago de Compostela, entidades que traballan activamente na promoción da innovación aplicada ao territorio galego, conta coa intervención de Harvey M. Jacobs, profesor emérito da Universidade de Wisconsin-Madison (EEUU), que ofrece a conferencia maxistral titulada ‘Private Property and Sustainable Environmental Management: A 21st Century Challenge’. A súa intervención aborda os retos contemporáneos na xestión ambiental dende a perspectiva da propiedade privada. Tamén participa Pacôme Elouna Eyenga, líder da EIP-AGRI Support Facility da EU CAP Network, para abordar o papel da innovación na agricultura dentro da Política Agraria Común (PAC) e o papel da rede europea EIP-AGRI.
Figura clave
Dende a súa creación en 2017, estes premios renden homenaxe a Rafael Crecente Maseda, profesor do departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC e figura clave na evolución da xestión territorial en Galicia. Crecente foi impulsor do grupo de investigación Territorio – Biodiversidade e creador do Sistema de Información Territorial (SIT), a primeira plataforma tecnolóxica sobre Sistemas de Información Xeográfica (SIX) aplicada ao territorio galego. A Universidade de Santiago de Compostela, a través do Campus Terra, reafirma con esta iniciativa o seu compromiso coa innovación, a sustentabilidade e a posta en valor do talento novo como motor de transformación territorial.
