Skip to main content

Analizan nun seminario os cambios producidos na normativa de estranxeiría e como afectan as persoas migrantes

Trátase da segunda edición do Seminario de Dereitos Humanos e Migracións
Trátase da segunda edición do Seminario de Dereitos Humanos e Migracións
Organizado o 23 de outubro en colaboración coa asociación AMIGA
Santiago de Compostela

Co lema '100 días do novo regulamento: obstáculos ou oportunidades?', o 23 de outubro desenvolverase na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais o II Seminario de Dereitos Humanos e Migracións, nesta ocasión dedicado aos cambios producidos en 2025 na normativa de estranxeiría e a súa afectación nas persoas migrantes.

No encontro analizaranse posibles solucións aos casos máis vulnerables e verase como afecta o novo regulamento ás persoas que queren vir a España desde o seu país de orixe, como é a nova tarxeta para familiares de españois, os cambios relacionados coa protección internacional ou coas vítimas de violencia de xénero.

O programa dará comezo ás 9.15 horas coas intervencións de María Teresa Bustamante Fernández, avogada e presidenta da Asociación de Migrantes de Galicia (AMIGA), e de Marta Lois González, decana da Facultade anfitrioa. A continuación, terá lugar unha mesa sobre os retos do sistema de acollida de Protección Internacional en España da man de Lucía Maquieira Caeiro, directora da Red Acoge.

A segunda mesa, ás 11.30 horas, versará sobre 'Análise e valoración aos 100 días do novo regulamento' e nela intervirán Elena Maison Díaz de la Rocha, coordinadora xurídica da Asociación Ecos do Sur: A violencia sobre a muller no novo regulamento; Beatriz García Méndez, avogada de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela; e Gonzalo Sáez Martinsanz, avogado da Asociación Arraianas de Santiago de Compostela.

Para máis información e inscricións: info [at] amiga.gal (info[at]amiga[dot]gal)

The contents of this page were updated on 10.20.2025.