Skip to main content

Premiada unha viaxe 3D ao Portomarín dos anos 50 co selo do iHUS e da Facultade de Xeografía e Historia

Antiga vila de Portomarín Antiga vila de Portomarín. FOTO: https://ciagalicia.com/proxectos/portomarin-vello/
Antiga vila de Portomarín Antiga vila de Portomarín. FOTO: https://ciagalicia.com/proxectos/portomarin-vello/
A recreación virtual desta vila lucense que foi asolagada en 1963 por mor da construción do encoro de Belesar acaba de ser seleccionada de entre medio cento de propostas para integrar o Espazo Común Europeo de Datos para o Patrimonio Cultural
Santiago de Compostela

Os investigadores da Facultade de Xeografía e Historia, Julio Vázquez Castro e Jesús Ángel Sánchez García, vinculados os dous ao Instituto de Investigación en Humanidades da USC (iHUS), acaban de obter o recoñecemento 'Synergy Grant' no marco da selección de traballos dixitais sobre patrimonio cultural 3DBigDataSpace. O proxecto distinguido é unha reconstrución 3D do vello Portomarín que liderou Julio Vázquez, xunto cos deseñadores do Centro Infográfico Avanzado de Galicia (CIAG). O proxecto destes investigadores foi un dos dous premiados entre 40 propostas de 19 países. 

A vila de Portomarín tiña unha orixe medieval e unha estrutura urbana constituída por dous barrios, o de San Pedro e o de San Xoán, situados a ambos os lados das ribeiras do río Miño. En 1946 foi declarada Conxunto Histórico-Artístico pero en 1956 iniciáronse as obras do encoro de Belesar, ficando asolagada en 1963. A reconstrución virtual que agora se premia correspóndese cos anos 50 e 60 do século XX, época da que existe abundante documentación gráfica, acadando xa en 2024 o Premio ‘Humanidades Digitales Hispánicas’ como ‘Mellor ferramenta, recurso, infraestrutura desenvolvida en 2023’. 

A convocatoria sobre sinerxía de datos que lanza 3DBigDataSpace seleccionou dous proxectos destacados, entre eles o dos investigadores da USC, que enriquecerán a dispoñibilidade de conxuntos de datos 3D de alta calidade sobre patrimonio cultural en liña. A través do Programa Synergy, recibirán apoio específico para preparar os seus activos e metadatos 3D para que formen parte do Espazo Común Europeo de Datos para o Patrimonio Cultural, unha iniciativa paneuropea deseñada para que os datos dixitais do patrimonio cultural sexan máis accesibles, interoperables e reutilizables entre institucións de investigación, museos e público.

Narración comunitaria

O persoal investigador da USC e do CIAG xa reconstruíu virtualmente máis de 300 edificios utilizando fotografías de arquivo, testemuños orais e modelado 3D avanzado. Co apoio do Programa Synergy, os valiosos recursos dixitais do proxecto estarán agora preparados para a súa integración no Espazo Común Europeo de Datos para o Patrimonio Cultural. Isto garante que o modelado do xemelgo virtual de Portomarín, xa un valioso recurso cultural e emocional, se converta nun conxunto de datos estruturado e reutilizable dispoñible en liña para a educación, a investigación e a narración comunitaria.

Co apoio do College of William & Mary (EE.UU) e a experiencia Galiverso (Cidade da Cultura, Xunta de Galicia), o proxecto contou tamén coa participación da veciñanza de Portomarín, que aínda conserva o recordo da súa cidade perdida. Isto resultou “fundamental para garantir a exactitude histórica da reconstrución”, destacan os investigadores. As súas contribucións estiveron lideradas polo fotógrafo José López, quen xenerosamente compartiu miles de imaxes do seu arquivo persoal. Por parte do CIAG, integraron a iniciativa os deseñadores gráficos Carlos Paz de Lorenzo, Anxo Miján Maroño, Alexandre González, Manuel García, Alejandro Soriano e Andrés Armesto. 

Lanzado en febreiro de 2025 e financiado polo Programa Europa Dixital, 3DBigDataSpace integra máis de 50.000 modelos 3D de alta calidade no Espazo Común Europeo de Datos para o Patrimonio Cultural. Ao combinar o almacenamento interoperable co enriquecemento baseado en IA, o proxecto mellora a visibilidade, os metadatos e a usabilidade do contido 3D, o que permite experiencias inmersivas. As aplicacións piloto en museos, sitios patrimoniais e programas educativos demostran o seu impacto real, mentres que as iniciativas de formación capacitan as partes interesadas de toda Europa para interactuar co patrimonio cultural dixital e ampliar o seu acceso.

The contents of this page were updated on 10.20.2025.