A mostra ‘Navegar en mar aberto’ recolle o case medio século de singradura da revista ‘Dorna. Expresión Poética Galega’

Baixo o nome de Dorna, unha embarcación típica das Rías Baixas, comezou a navegar no océano literario do ano 1981 unha nova revista de creación literaria que pretendía “ofrecer unha canle editorial a autores e autoras noveis con arelas no cultivo da literatura galega”, malia recoller tamén “a voz de escritores e escritoras xa consagrados”. Así describen dende Edicións USC a meta que perseguía e persegue esta revista que case medio século despois permanece viva baixo a dirección, na actualidade, da profesora da USC, Mª Xesús Nogueira. Agora, a mostra ‘Navegar en mar aberto. Percorrendo a revista Dorna. Expresión Poética Galega’ recolle, na Facultade de Filoloxía da USC, a singradura da publicación dende o seu nacemento.
“En 1981, promovida por un grupo de entusiastas e moi novos poetas, botábase ao mar unha publicación lírica, que, baixo o fermoso nome dunha embarcación típica das Rías Baixas, a dorna, recollía un monllo de composicións no que, naquela altura, era pouco máis que un fanzine, fresco, espontáneo e de futuro incerto”, explican dende Edicións USC. Aquel fanzine foi madurecendo e, pouco e pouco, converténdose nun “referente na cultura, nas letras e na estética contemporánea de Galicia”.
Editada pola Universidade de Santiago de Compostela, a través de Edicións USC, en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Dorna. Expresión Poética Galega é unha publicación miscelánea e periódica, sempre ilustrada por artistas específicos para cada entrega, que tradicionalmente incorpora tres seccións: ‘Creación’, onde se inclúen os poemas orixinais e inéditos de colaboradores de cada volume; ‘Voces de Fóra’, sección de traducións ao galego que se ofrecen a carón dos poemas na lingua orixinal de poetas de todas as latitudes; e ‘Poéticas’, que acolle reflexións sobre a poesía e a creación literaria dentro da ampla diversidade que ofrece o xénero da autopoética.
Dende 2024, a revista conta cun novo equipo de redacción, composto pola xa citada Mª Xesús Nogueira como directora, María Alonso Alonso, Fernando López Casal, Carlos Pérez Varela e Jorge Rodríguez Durán. A exposición inaugurada en Filoloxía pretende, ademais de facer historia, “dinamizar a creación e expresión poética en galego entre as novas xeracións”. O acto contou coas intervencións da profesora Nogueira; o decano do centro, Elias J. Feijó Torres; a vicedecana, Elsa González; o director de Edicións USC, Juan Blanco; e o poeta, O Leo de Matamá. Dorna publícase exclusivamente en galego.
