Skip to main content

Xornada ‘Investigando para un futuro sen lumes’

10.30.2025 | 09.30h-11.30h

Santiago de Compostela

Incendio en Cabo Silleiro. Foto: Flickr (Contando estrelas)
Incendio en Cabo Silleiro. Foto: Flickr (Contando estrelas)

Persoal experto do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) desenvolverá o 30 de outubro a mesa redonda ‘Investigando para un futuro sen lumes’, no que se porán sobre a mesa distintas investigacións arredor desa temática na que están traballando grupos galegos. A xornada terá lugar de 9.30 a 11.30 horas na sala de eventos do edificio Fontán e a entrada é aberta a todo o público.

Da USC participarán neste debate Eduardo Corbelle Rico, de Enxeñaría Agroforestal, que falará da homoxeneización da paisaxe como antesala dos incendios; Horacio García, de Xeografía, intervirá con ‘Bosques, xente e futuro: construír un país sen lumes’; de Economía estarán Xoaquín Fernández Leiceaga e Edelmiro López Iglesias, coas charlas ‘Algunhas ensinanzas da vaga de 2017’ e ‘Algunhas causas estruturais dos incendios’, respectivamente; e de Historia reflexionarán Lourenzo Fernández Prieto con ‘Gobernanza paisana. Garantía de prevención’, Stefania Barca con ‘O marco da Transición xusta e a prevención dos lumes’ e David Soto con ‘Incendios forestais e industrialización da agricultura en Galicia’.

Da UDC intervirán Jaime Fagundez, de Bioloxía, co relatorio ‘Plantas, vexetación e lume, moito máis que combustible’ e Elvira Santiago e Carmen Rodríguez, de Socioloxía, cunha análise social dos incendios forestais. Pola súa banda, da Universidade de Vigo participarán os expertos en Economía Noortje Keurhorst e Xavier Simón, que analizarán os lumes e montes de veciños e a transición enerxética para a resiliencia local e rural, respectivamente.
 

Xornada ‘Investigando para un futuro sen lumes’
Xornada ‘Investigando para un futuro sen lumes’
The contents of this page were updated on 10.23.2025.