Skip to main content

Mentora: cando as raíces do rural convértense en escola de futuro

O equipo creador de Mentora ten un forte compoñente multidisciplinar
O equipo creador de Mentora ten un forte compoñente multidisciplinar
O proxecto, que reivindica o coñecemento interxeracional, acaba de recibir o terceiro premio no Terra Creative Jam 2025

Nun tempo no que moitas tradicións do campo galego corren o risco de desaparecer, o proxecto Mentora propón un xiro inspirador: converter ás persoas maiores do rural en mestras de saberes agrícolas, gandeiros e comunitarios.

A idea, que combina innovación social, educación vivencial e respecto pola terra, acaba de recibir o terceiro premio no Terra Creative Jam 2025, o evento de creatividade e innovación organizado polo Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a incubadora Lug Open Factory.

Durante dous intensos días de traballo colaborativo, os equipos participantes nesta edición afrontaron o reto de «reinventar o rural», buscando solucións que conectasen sustentabilidade, tecnoloxía e comunidade.

Interconexión xeracional

Nese contexto naceu Mentora, un proxecto que pon o foco na interconexión xeracional, reivindicando o valor do coñecemento que gardan quen traballou a terra durante toda unha vida.

«Decidimos poñer no centro do proxecto ao avó e a avoa do rural, que tanto fixeron por nós», explican os creadores do proxecto. «Pareceunos unha boa idea darlles o protagonismo que se merecen e tamén a axuda e compañía, porque moitos montes comunais e propiedades quedan abandonadas, xa que as persoas maiores que os cultivaban ou coidaban xa non poden facelo soas».

Desa reflexión naceu unha proposta cun forte compoñente pedagóxico e vivencial, que busca transformar a experiencia agrícola e gandeira nunha fonte de aprendizaxe práctica e emocional. «O coñecemento é poder, e nas persoas maiores reside unha gran fonte de sabedoría, valores e coñecementos fundamentais que teñen que ver coas nosas orixes», afirman.

Tradición e aprendizaxe compartido

O equipo de Mentora imaxina un futuro no que o campo se converte nunha aula aberta: leiras e aldeas como espazos de encontro entre xeracións.

A través de talleres breves e prácticos, as persoas maiores ensinarán a participantes urbanos —moz@s, familias ou curios@s— actividades ligadas ao calendario agrícola e gandeiro: desde sementar e preparar o solo, elaborar compost ou recoller patacas, ata cociñar receitas tradicionais ou aprender técnicas de poda e enxerto de froiteiros e viñas.

No ámbito gandeiro, a proposta inclúe experiencias como pastoreo con ovellas, manexo de rabaños ou adestramento de cans de traballo. «Queremos unir a sabedoría e a experiencia dos nosos maiores do campo coa curiosidade de mozas e familias de ambientes máis urbanos, creando sinerxías e encontros beneficiosos para ambos», resumen os impulsores de Mentora.

O impacto social desta proposta vai máis aló da aprendizaxe práctica. «Recuperar estes saberes devolve autonomía e sentido de orixe», sinalan. «Reduce a brecha campo-cidade, reforza a soberanía alimentaria e transforma a tradición en hábitos útiles e actuais. Conecta comunidade e territorio».

Un equipo diverso cunha mesma raíz

Mentora é froito do traballo conxunto de cinco persoas de distintas procedencias que se coñeceron durante o Terra Creative Jam:

  • Esteban Lerez Proveído, enxeñeiro industrial especializado en mecánica, dedicado ao deseño de brazos hidráulicos para labores subacuáticos.
  • Verónica Fonterosa Frías, pedagoga pola USC e asesora educativa, con formación en xestión cultural e terapias artísticas.
  • Damián Pintos, enxeñeiro en robótica e membro do CSIC, con experiencia en investigación mariña e campañas oceanográficas.
  • Álvaro Mena Herrera, graduado en Robótica pola USC e estudante do Máster en Robótica e Intelixencia Artificial na Universidade de León.
  • Jairo Muñoz García, estudante de Robótica e programador.

A pesar da súa diversidade profesional, todos comparten un mesmo propósito: reconectar xeracións a través do saber rural. «Cremos que un dos fortes de Mentora é o seu compoñente social e comunitario. Parécenos todo un reto, pero aí está tamén a súa importancia: darlle cabida a este tipo de proxectos nun contexto que necesita novos impulsos», explican.

Do hackathon ao territorio

O equipo recoñece que o paso polo Terra Creative Jam foi unha experiencia reveladora. «Levámonos grandes aprendizaxes. En apenas dous días e medio conseguimos sacar adiante un prototipo de proxecto, aprendendo a ir ao núcleo das ideas e evitar o sobre-deseño. Foi unha oportunidade única para experimentar, crear e conectar».

O seguinte paso será poñer en marcha un piloto local, con alianzas no territorio e talleres estacionais, para comprobar sobre o terreo o impacto desta idea

Queremos empezar aos poucos, escoitando ao rural e adaptándonos ao seu ritmo. Xa vos contaremos», adiantan entre sorrisos.

Porque, á fin e ao cabo, Mentora non só quere rescatar o que se está perdendo: quere sementar futuro con raíces de sabedoría.

The contents of this page were updated on 12.03.2025.