Skip to main content

O estudantado da USC, comprometido coa corresponsabilidade aínda que asume que eles deben implicarse máis

Estudantes polo campus de Santiago. Foto: Santi Alvite
Estudantes polo campus de Santiago. Foto: Santi Alvite
A USC presentou en Lugo os resultados do Estudo sobre corresponsabilidade entre a comunidade estudantil

A Facultade de Formación de Profesorado acolleu este xoves a presentación dos resultados do Estudo sobre corresponsabilidade entre a comunidade estudantil da USC, que pon de manifesto o seu compromiso pero tamén deixa sobre a mesa a necesidade de que os homes se impliquen máis.

Logo de que a Oficina de Igualdade de Xénero (OIX) da USC realizara en 2024 un estudo para coñecer as opinións e actitudes do PDI e o persoal de administración e servizos sobre corresponsabilidade e no que se daba conta dos maiores problemas para conciliar entre as mulleres que entre os homes, con maiores consecuencias no seu benestar física e emocional e no desenvolvemento da súa carreira, a OIX decidiu repetir o estudo entre o estudantado.

Sobre unha mostra de 463 entrevistas, representativa da porcentaxe de mulleres e homes que estudan na USC, os resultados arroxan que seis de cada dez estudantes consideran que poderían participar máis nos traballos domésticos, unha proporción que é practicamente idéntica para elas que para eles. Iso si, nove de cada dez consideran que é necesario que os homes se impliquen máis coa corresponsabilidade. O nivel de acordo con esta afirmación é claramente máis alta entre as mulleres, un 95,3% indican que están moi ou bastante de acordo, que entre os homes, 79,5%.

A gran maioría do estudantado comparte vivenda con persoas da mesma xeración e asume que así resulta máis fácil o reparto das tarefas ao estar establecidas dinámicas de convivencia máis flexibles que no fogar ou residencia familiar. Porén, as mulleres sinalan maior dedicación que os homes na realización de actividades de limpeza e nos estudos e indican dispor de menos tempo para a vida persoal que eles. Por franxa de idade, a xeración de estudantes de máis de 24 anos e con traballo remunerado mostra maior capacidade crítica e asume a necesidade de implicarse nas tarefas de coidado e domésticas.

O fogar de crianza do estudantado participante no estudo caracterízase por un modelo no que ambos proxenitores, nai e pai, traballan fóra. Un modelo que as mozas e mozos enquisados cuestionan ao entender que o reparto das responsabilidades domésticas non eran compartido e no que as mulleres desenvolvían a maior parte do traballo non produtivo.

Con todo, todas e todos mostran a súa inquedanza por acadar unha maior implicación e participación nas tarefas domésticas e admiten que poderían facer máis. As escusas? A falta de tempo ou a ausencia da referencia dunha persoa adulta que lles indique que facer.

A presentación deste estudo, enmarcado no Plan Corresponsables da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade e coa Dirección Xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia, tivo lugar na xornada ‘Diagnose sobre corresponsabilidade na USC e propostas de novas masculinidades' na que interveu Rosa Muñiz Castro a na que o profesor Jorge García Marín pronunciou a conferencia ‘Novas masculinidades, Coidados e Corresponsabilidade’. 

The contents of this page were updated on 11.07.2025.