Skip to main content

Sesión ‘Fundamentos da Mellora Continua’

11.20.2025 | 12.00h-14.00h

Santiago de Compostela
Aula de proxectos

Julia Feijoo (jfeijoo@kaizen.com)

Por Julia Feijoo, graduada en Enxeñaría Química da USC e recoñecida pola ISA co Premio de Excelencia Internacional

Escola Técnica Superior de Enxeñaría
Escola Técnica Superior de Enxeñaría

A graduada en Enxeñaría Química da USC Julia Feijoo, recoñecida pola International Society of Automation (ISA) co Premio de Excelencia Internacional, ofrece o 20 de novembro unha sesión para introducir o estudantado da ETSE nos principios fundamentais da mellora continua, combinando contidos teóricos e prácticos para favorecer unha aprendizaxe aplicada.

Aberta a todo o estudantado da ETSE, esta actividade constitúe a primeira acción formativa desenvolvida no marco do convenio específico de colaboración entre a USC e KAIZEN Institute asinado o pasado mes de xullo co obxectivo de cooperar no ámbito formativo, integrando no catálogo da Aula Profesional da ETSE actividades que impulsen o desenvolvemento de competencias transversais e a aplicación práctica de metodoloxías de mellora continua no contexto da enxeñaría.

KAIZEN Institute, na que actualmente traballa Julia Feijoo como consultora estratéxica especializada en excelencia operacional, é unha empresa multinacional líder en servizos de consultoría e formación, especializada na mellora continua de procesos, a xestión do cambio e a excelencia operacional. A súa misión consiste en acompañar organizacións de diferentes sectores na implantación da filosofía KAIZEN, promovendo unha cultura de innovación sostida e participación activa das persoas.

A sesión busca que o alumnado experimente de maneira directa os beneficios da metodoloxía KAIZEN, adquirindo ferramentas útiles para a súa futura práctica profesional e desenvolvendo unha actitude proactiva cara ao cambio e á colaboración.

Nesta sesión dinámica, as persoas participantes aprenderán a aplicar a metodoloxía 5S, comprenderán a importancia da estandarización e explorarán outras ferramentas clave para fomentar a mellora continua. A través de exercicios prácticos combinados con breves doses de teoría, abordaranse conceptos esenciais como o Kaizen, que é un paradigma e os principios fundamentais da mellora continua. Mediante un pequeno exercicio introdutorio, tamén se reflexionará sobre a resistencia ao cambio e como superala dentro dos equipos.

A sesión incluirá dinámicas interactivas que permitirán experimentar a relevancia do traballo no terreo, a xestión visual e o papel clave das persoas nos procesos de mellora. O obxectivo é que as persoas asistentes vivan de forma práctica os beneficios da mellora continua e desenvolvan unha mentalidade aberta ao cambio e á colaboración.

Procedemento de inscrición: correo a aula.profesional [at] usc.es (aula[dot]profesional[at]usc[dot]es) indicando no asunto AP08_25 MelloraContinua antes do martes 18 ás 20 horas.

Para o estudantado do GrEQ: Avaliarase a asistencia e o aproveitamento do/a estudante (40%) e a adquisición de coñecementos mediante un cuestionario de avaliación que se realizará nos últimos 15 minutos da actividade.

The contents of this page were updated on 11.14.2025.