O estudantado de 4º de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela reviven o Facom Fest do 24 ao 27 de novembro. Nesta edición, este festival organizado polo estudantado para o estudantado procura continuar o seu propósito de visibilizar os filmes de persoas que están a formarse no audiovisual e servir de punto de unión entre o ámbito formativo e o sector profesional. Para iso, levarán a cabo proxeccións e actividades e, por primeira vez, darán a oportunidade de participar a estudantes de fóra de Galicia.
Esta 4º edición celébrase entre os días 24 e 27 de novembro de 2025 na cidade de Santiago de Compostela, convertendo a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC no principal punto de encontro para as persoas interesadas na creación audiovisual. Manterase a súa clásica sección competitiva, pero este ano como novidade a sección competitiva dividirase en dúas categorías: galega e internacional, coa segunda aberta a persoas formadas en calquera centro de estudos de fóra de Galicia.
Ademais de manter a sección non competitiva das anteriores edicións do festival, a programación do Facom Fest 2025 completarase inaugurando unha sección centrada na tecnoloxía, as novas intelixencias e a imaxe dixital e así reflexionar sobre as novas posibilidades e retos do sector audiovisual contemporáneo.
O Facom Fest 2025 concederá dous premios principais: o Premio Galego valorado en 300 euros e acompañado dunha mentoría virtual personalizada de catro horas coa distribuidora La Machina, e o Premio Internacional, cunha valoración de 200 euros. Ademais, o xurado –que combinará a presenza de estudantes coa de profesionais do sector audiovisual– poderá outorgar ata cinco mencións especiais en cada categoría, como poderán ser Dirección, Dirección de Arte ou Son. O festival, que conta con financiamento da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura, tamén contará cun Premio do Público.