Skip to main content

O Faro de Montedor entra na rede ‘Atlantic Sunset’ de escenarios clave para gozar do último solpor da Europa continental

No faro colocarase unha placa informativa cun código QR e unha mesa interpretativa que permitirá ás persoas visitantes descubrir máis información sobre este enclave. FOTO: FCEER
No faro colocarase unha placa informativa cun código QR e unha mesa interpretativa que permitirá ás persoas visitantes descubrir máis información sobre este enclave. FOTO: FCEER
A placa e mesa interpretativa que se inauguran este 18 de novembro en Viana do Castelo son as primeiras que se colocan en Portugal ao abeiro deste proxecto no que participa a USC
Santiago de Compostela

O proxecto Atlantic Sunset, no que a USC participa a través da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER), entidade que lidera o proxecto, inaugura o 18 de novembro, ás 16.30 horas, a placa que distingue o Faro de Montedor, o máis setentrional de Portugal, como un escenario clave para contemplar os últimos solpores da Europa continental. Este faro que se ergue sobre un promontorio rochoso con vistas ao océano permite, grazas á súa altitude e á súa localización nunha pequena península, observar o solpor máis tardío do Portugal continental nos meses de primavera e verán. “Este enclave representa á perfección o espírito do proxecto Atlantic Sunset: conectar as persoas a través da admiración compartida pola natureza, a cultura e a cooperación”, explican dende este proxecto que está a artellar toda unha rede de lugares emblemáticos arredor da contemplación deste singular ocaso e que no mes de setembro xa colocou este distintivo en Cabo Touriñán (Muxía). 

No faro colocarase unha placa informativa cun código QR e unha mesa interpretativa que permitirá ás persoas visitantes descubrir máis información sobre este enclave; explorar outros puntos da Rede Atlantic Sunset e planificar visitas ao longo da costa atlántica; alén de profundar na filosofía do proxecto, baseada na colaboración transfronteiriza e na sustentabilidade. O acto de inauguración, promovido polo Departamento de Xeografía e pola unidade de investigación CEGOT da Facultade de Letras da Universidade do Porto, socio portugués do proxecto, estará presidido por António Cunha, presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal e Autoridade de Xestión do programa Interreg Espazo Atlántico, ademais de contar coa presenza de autoridades portuguesas e galegas.

O sol como reclamo patrimonial 

Atlantic Sunset constitúe un fito no aproveitamento turístico sostible do solpor fóra dos grandes destinos de postas de sol europeas. O proxecto, asentado sobre a experiencia de diferentes grupos de investigación de referencia europea no ámbito da física e a xeografía, busca aproveitar non só a beleza natural asociada ás mellores e máis particulares postas de sol do Atlántico senón tamén identificar e valorizar os recursos endóxenos locais asociados ao sol e que se converten nun reclamo patrimonial.

A base do proxecto foi un estudo científico que o catedrático da USC Jorge Mira realizou arredor das últimas postas de sol de Europa. Grazas ao seu traballo, identificáronse puntos estratéxicos en Galicia e Portugal para a observación dos últimos crepúsculos continentais. Así, no marco de Atlantic Sunset vincúlase a investigación sobre as ultimas postas de sol coa súa coincidencia simbólica e histórica co finis terrae galego e francés, o land´s end de Reino Unido e as súas equivalencias nos casos irlandés e noruegués, alén de “afinar lugares noutras xeografías onde acontece tan particular evento”, explican dende o proxecto. 

Ademais da Fundación CEER e da Universidade de Santiago de Compostela a través do Grupo de Investigación de Análisis Territorial (ANTE), o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e o Departamento de Física Aplicada, integran tamén o proxecto Wireless Galicia e a Universidad de Sevilla, en España; Universidade do Porto, en Portugal; Université d'Angers, en Francia; e University of Galway, en Irlanda. Ademais, Atlantic Sunset está apoiado sen financiamento por un grupo diverso de entidades asociadas, como Turismo de Galicia, CMAT (Costa da Morte), Innovation Norway (Visit Norway), INCITE-CSIC, Associação Nacional de Municípios Portugueses, Visit Cornwal, Mayo Dark Sky Park / Wild Nephin National Park, Technological University Dublin, Turismo de Porto e Norte de Portugal, Cornwall Council, Iroise Bretagne Tourist Office,  e o Xeoparque Cabo Ortegal. O proxecto conta cun orzamento de máis de 1.300.000 euros (financiados ao 75% con fondos FEDER) durante tres anos.

O Interreg Espazo Atlántico 2021-2027 é un programa de financiamento europeo que promove a cooperación transnacional na parte occidental do océano Atlántico e inclúe todas as rexións de Irlanda e Portugal, así como varias rexións francesas e españolas. A misión do Programa é estar á vangarda da transición cara a unha Rexión Atlántica única, neutra en carbono e resistente ao cambio climático e resiliente ao clima. O programa fomenta a integración do desenvolvemento económico sostible, o benestar da sociedade e a preservación da biodiversidade.

The contents of this page were updated on 11.17.2025.