Skip to main content

Un total de tres proxectos de investigación con selo USC recibirán o apoio da Fundación "la Caixa"

A convocatoria, que destina este ano 26 millóns de euros a investigacións biomédicas de excelencia, concede ata 500.000 euros a proxectos cunha soa institución de investigación implicada e ata un millón para consorcios de investigación formados por varias institucións. FOTO: Santi Alvite
A convocatoria, que destina este ano 26 millóns de euros a investigacións biomédicas de excelencia, concede ata 500.000 euros a proxectos cunha soa institución de investigación implicada e ata un millón para consorcios de investigación formados por varias institucións. FOTO: Santi Alvite
A convocatoria, á que se presentaron nesta oitava edición 714 propostas de investigación básica, clínica e traslacional, está especialmente dirixida á abordaxe de retos de saúde
Santiago de Compostela

A edición 2025 da convocatoria de Investigación en Saúde da Fundación ”a Caixa” seleccionou 34 novos proxectos de investigación biomédica punteira, aos que dotou con ata un millón de euros cada un. Os proxectos están liderados por 25 centros de investigación, universidades e hospitais españois, e 9 portugueses. De entre todos os proxectos financiados tres deles contan co selo da USC.

O catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e investigador do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) Miguel López liderará un proxecto para combater a caquexia cancerosa. Realizado en consorcio con Joan Seoane do Vall d’Hebron Instituto de Oncología (VHIO), o proxecto recibirá una subvención de 999.300 euros.

Pola súa parte, Maria J. Macias lidera no Instituto de Investigación Biomédica de Barcelona (IRB Barcelona), un proxecto consorciado con José Manuel Brea Floriani, tamén do CiMUS da USC, e a Asociación Síndrome de Myhre España que busca novos tratamentos para unha enfermidade rara, a síndrome de Myhre. O proxecto recibe 771.800 euros.  

Desde o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Eduardo Domínguez, tamén investigador do CiMUS, colabora cun proxecto liderado por Alejandro Vaquero, do Instituto de Investigación contra a Leucemia Josep Carreiras. O proxecto, premiado con 989.800 euros, investiga a maneira de restaurar a función protectora da proteína PAX5 e evitar ou reverter a progresión da leucemia linfoblástica aguda de células B, o cancro máis frecuente na poboación infantil.

A convocatoria, á que se presentaron nesta oitava edición 714 propostas de investigación básica, clínica e traslacional, está especialmente dirixida á abordaxe de retos de saúde en varios ámbitos: neurociencias, enfermidades cardiovasculares e metabólicas, oncoloxía, enfermidades infecciosas e tecnoloxías facilitadoras nalgún destes campos. A convocatoria, que destina este ano 26 millóns de euros a investigacións biomédicas de excelencia, concede ata 500.000 euros a proxectos cunha soa institución de investigación implicada e ata un millón para consorcios de investigación formados por varias institucións. Nesta edición, os proxectos en consorcio contan coa colaboración de grupos de investigación de sete países.

Desde os inicios do programa en 2018, a dotación total da convocatoria de Investigación en Saúde da Fundación ”a Caixa” foi de 172,3 millóns de euros para 234 proxectos, dos cales 162 están liderados por equipos españois, e 72, por grupos de investigación de Portugal. Na actualidade esta é unha das convocatorias de investigación en biomedicina e saúde de referencia na península ibérica.
 

The contents of this page were updated on 11.20.2025.