Skip to main content

A tecnoloxía do Cebiovet, á cabeza da investigación do Estado

De esquerda a dereita, Laura Sánchez Piñón, Antonio López Díaz, José Alberto Díez de Castro, Javier Ferreira e Antonio González Cantalapiedra.
De esquerda a dereita, Laura Sánchez Piñón, Antonio López Díaz, José Alberto Díez de Castro, Javier Ferreira e Antonio González Cantalapiedra.
Os acuarios instalados no Centro de Biomedicina e Veterinaria da Fundación Rof Codina, ao abeiro do convenio entre USC e Xunta de Galicia, sitúanse entre os tres mellores da contorna estatal
Lugo

O Centro de Biomedicina e Veterinaria da Fundación Rof Codina (Cebiovet) da Fundacion Rof Codina ten como obxectivo xerar novas liñas de investigación no campo dos pequenos, medianos e grandes animais e de impulsar a súa difusión dentro da comunidade científica. Agora, conta ademais con tecnoloxía de vangarda que o sitúa á cabeza da investigación que se realiza en España dentro do seu ámbito xa que, tal e como lembrou a súa directora, Laura Sánchez Piñón, os acuarios recentemente instalados no centro “sitúanse entre os tres mellores do Estado”. Sánchez Piñón acompañou este xoves 20 ao reitor Antonio López Díaz e ao secretario xeral de Universidades, Alberto Díez de Castro, no percorrido que realizaron polo Cebiovet e no que tamén participou o xerente da USC e da Fundación Rof Codina, Javier Ferreira; e o director veterinario do HVRF, Antonio González Cantalapiedra.

As obras foron financiadas con cargo ás achegas da USC ao abeiro do convenio de colaboración entre a Consellaría de Cultura, Educación e universidade e a Universidade de Santiago de Compostela para o desenvolvemento de accións estratéxicas de I+D+i (2023-2024). Esta nova infraestrutura permite profundar nos traballos que na USC se están a desenvolver en especies como o peixe killi, clave en estudos sobre envellecemento, ou no peixe cebra, que conta cunha notable homoloxía co xenoma humano, feito que converte esta especie tropical de auga doce nun modelo indispensable para a investigación biomédica. Outras liñas de investigación que se están desenvolver baséanse no uso de peixes como modelo para entender mellor algunhas enfermidades raras.  

iTERRA

O reitor, xerente e o secretario xeral de Universidades visitaron tamén diferentes espazos da Facultade de Veterinaria, así como as instalacións do Instituto de Investigación en Saúde Global e Desenvolvemento Sostible (iTERRA), onde se reuniron coa directora comisaria do centro, Marta López Alonso, e co seu secretario, Emilio Díaz Varela. Este centro que tamén conta co apoio da Xunta de Galicia impulsará a excelencia científica, a colaboración intersectorial e o aproveitamento do coñecemento local, promovendo modelos sostibles e resilientes que contribúan ao benestar das persoas, dos animais e dos ecosistemas. Na visita tamén participaron o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, e a delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera.

Así, este novo instituto da USC aspira a consolidarse como un referente estatal e internacional en investigación en saúde global e sustentabilidade, recoñecido pola súa capacidade para integrar ciencia, innovación e coñecemento local na procura de solucións baseadas na evidencia ante os grandes retos do século XXI: a saúde humana e animal, a alimentación e seguridade alimentaria, e a sustentabilidade dos ecosistemas. Desde o seu enfoque holístico e a súa vinculación co territorio, contribuirá a situar o Campus Terra como un referente europeo en investigación e innovación responsable, proxectando desde Lugo un modelo de ciencia aberta, sostible e de excelencia.
 

De esquerda a dereita, Francisco Fraga, José Alberto Díez de Castro, Marta López Alonso, Antonio López Díaz, Javier Ferreira e Elvira López Mosquera.
De esquerda a dereita, Francisco Fraga, José Alberto Díez de Castro, Marta López Alonso, Antonio López Díaz, Javier Ferreira e Elvira López Mosquera.
The contents of this page were updated on 11.20.2025.