Skip to main content

María Pilar Jiménez Aleixandre, investida honoris causa pola Universidade de Almería

A nova doutora honoris causa co reitor da Universidade de Almeria. Foto: Universidade de Almería
A nova doutora honoris causa co reitor da Universidade de Almeria. Foto: Universidade de Almería
No acto, que tivo lugar este venres, pronunciou o discurso ‘Mensaxes das estrelas. Guías do pensamento crítico’

“Para enfrontarnos á desinformación temos o pensamento crítico, que parece fráxil, pero se o adopta a cidadanía pode ser unha ferramenta poderosa para comprender que somos parte do ambiente e actuar en consecuencia, escribir o noso propio destino”. Así concluía a profesora ad honorem da USC María Pilar Jiménez Aleixandre, catedrática de Didáctica das Ciencias Experimentais, este venres o seu discurso no acto de investidura como doutora honoris causa pola Universidade de Almería logo de que o Claustro desta institución o acordase por unanimidade o paso mes de outubro.

Na cerimonia, na que tamén foi investido cos mesmos honores o astrofísico John Etienne Beckman, pronunciou o discurso ‘Mensaxes das estrelas. Guías do pensamento crítico’. Nel defendeu o pensamento crítico para equipar a cidadanía no descarte do negacionismo, -“o que Galileo chamaría palabrería”,dixo-, e lle sirva para valorar a gravidad da situación e empurre os gobernos a actuar.

“Recoñecer que o coñecemento científico ten un grao de provisionalidade, que pode ser modificado ao aparecer novas probas, non significa que debamos deixar de confiar nel”, manifestou, para apelar á necesidade “da práctica” para desenvolver criterios para avaliar coñecementos. “E iso faise, por exemplo, nas clases de ciencias”, dixo, aludindo ao seu programa de investigación centrado no desenvolvemento do pensamento crítico, “da argumentación como capacidade de sustentar o coñecemento con probas”, na adolescencia.

Explicou que o  obxectivo é que a cidadanía chegue “a ser competente para interactuar coas ciencias, sen ser científicas ou científicos, que teña capacidade para desbotar novas falseadas, que empregue o telescopio do pensamento crítico, dos criterios para distinguir coñecemento fundamentado de opinións”.

Marilar Aleixandre

Desde unha formación de bióloga, a investigación de Jiménez Aleixandre céntrase na argumentación e o pensamento crítico na aprendizaxe das ciencias. Autora e coautora de numerosos artigos en revistas de impacto, o seu traballo foi recoñecido con premios galegos, españois e internacionais como o Distinguished Contribution to Science Education Research Award de NARST en 2019. En 2024 foi galardoada co Premio Luís Porteiro Garea polo seu compromiso coa lingua galega no ensino das ciencias.

Co nome de Marilar Aleixandre publica poesía e narrativa. En 2022 acadou o Premio Nacional de Narrativa pola novela As malas mulleres. En 2017 ingresou na Real Academia Galega co discurso Voces termando da paisaxe galega.
 

Acto de investidura como doutora honoris causa de Marilar Aleixandre. Foto: Universidade de Almería
Acto de investidura como doutora honoris causa de Marilar Aleixandre. Foto: Universidade de Almería
The contents of this page were updated on 11.21.2025.