Skip to main content

Reunión do Consello de Goberno

11.28.2025 | 09.30h

Salón Reitoral de San Xerome / Biblioteca Intercentros
Santiago de Compostela / Lugo

Portada da Reitoría da USC. Foto: Santi Alvite
Portada da Reitoría da USC. Foto: Santi Alvite

O Consello de Goberno da USC reúnese o venres 28, a partir das 9.30 horas (1ª convocatoria), para, entre outros asuntos, someter a aprobación a oferta de prazas en titulacións de grao, mestrado universitario e programas de doutoramento para o curso 2026-2027 e o convenio entre a Consellería de Sanidade, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e as Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a descentralización da docencia do Grao en Medicina.

En materia de xestión académica someterá tamén a aprobación a modificación do Regulamento de Planificación Académica, o Calendario de Planificación Académica Anual do curso académico 2026/2027 e a modificación do acordo sobre a esixencia de nivel de coñecemento de lingua galega ou española para a matrícula en estudos de grao, máster e doutoramento oficial. Os parámetros de ponderación de materias para o acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao do SUG no curso 2027-2028 será outra das cuestións.

Na orde do día figuran ademais diversos puntos relacionados con titulacións, como propostas de modificacións non substanciais de memorias de títulos e de creación de novos para a súa implantación nos cursos 2026-2027 e 2027-2028, a modificación do Regulamento de Estudos Propios da USC e de regulamentos de fin de estudos, diversas memorias de estudos propios ou a adscrición funcional de materias de grao e mestrado universitario a departamentos e áreas de coñecemento para o curso 2026-2027.

En materia de persoal, debaterase a oferta de prazas da convocatoria do programa Ramón y Cajal 2025 e os criterios de adscrición, a modificación da Planificación de PDI 2025 e a proposta de asignación de complementos por recoñecemento de mérito docente (quinquenios) como consecuencia de recursos da convocatoria 2024.

Outros asuntos


A proposta de creación dunha Unidade asociada ao CSIC, o convenio de colaboración co CESGA para a creación da Unidade Mixta de Investigación especializada en Tecnoloxías Cuánticas aplicadas á Física de Partículas e Nuclear, os logotipos do ILG e do iTERRA e a modificación do Regulamento polo que se establece o réxime de redución docente e de retribución de cargos e responsables académicos na USC serán outros puntos a tratar na xuntanza.

A orde do día complétase coa aprobación da adhesión á UNESCO Media and Information Literacy Alliance, a designación do representante da USC no Consello Asesor da Escola Galega da Administración Pública (EGAP) e de director/a en funcións do Departamento de Enxeñaría Agroforestal e da axuda económica institucional ás campañas electorais da elección de reitora ou reitor.

The contents of this page were updated on 11.27.2025.