Skip to main content

A fosa de Luou: da emboscada de 1948 á exhumación setenta e sete anos despois

Foron catro os corpos localizados e exhumados na actuación desenvolvida durante dúas semanas en Luou. Foto: Santi Alvite
Foron catro os corpos localizados e exhumados na actuación desenvolvida durante dúas semanas en Luou. Foto: Santi Alvite
O Imelga e o Incifor analizarán agora os restos dos catro corpos atopados dentro das actuacións do Plan de Memoria Democrática dirixidos por Histagra da USC para confirmar se pertencen a membros da resistencia antifascista galega

A fosa de Luou foi finalmente exhumada setenta e sete anos despois no marco das actuacións do Plan de Memoria Democrática dirixidos polo grupo interdisciplinar coordinado e dirixido polo grupo Histagra da USC e do CISPAC, coincidindo fortuitamente co 50 aniversario da morte de Franco. Os traballos deron cun resultado “altamente positivo” ao atopar o que o estudo histórico anunciaba, agora á espera de que o Imelga da Xunta de Galicia e o Incifor da USC confirmen que efectivamente son os corpos de catro membros da resistencia antifascista galega asasinados en 1948.

Ese ano, Europa reconstruía a democracia tras a Segunda Guerra Mundial, mentres a España de Franco quedaba illada da paz das democracias vencedoras: en Núremberg tocaba ao fin os xuízos contra os crimes contra a humanidade e os xenocidios, a ONU condenara o réxime franquista e os países democráticos retiraran os seus embaixadores. Internamente, imperaba un estado de non dereito marcado pola ausencia de garantías: o Decreto-Lei de 1947 institucionalizou a violencia contra a guerrilla, incluíndo execucións sen xuízo e torturas.

Neste contexto insírese a actividade da V Agrupación do Exército Guerrilleiro, supostamente baixo o mando de Benigno Andrade “Foucellas”, á que pertencían os seis homes que na primavera de 1948 chegaron aos montes de Teo. Tras a morte de Miguel Nicolás Esperante “O Corcheiro” en abril dese ano, o destacamento quedou reducido a Florentino Palacios Menéndez, Ricardo Fernández Carlés, Vicente López Novo, Manuel Agrasar Cajaraville, Benigno Andrade “Foucellas” e José Remuiñán Barreiro. Con este grupo reorganizado comeza o tramo final do seu percorrido e que anteceden ao asasinato dos catro guerrilleiros e o seu enterramento na fosa de Luou.

O 19 de maio de 1948

Na investigación da USC reconstruíronse as semanas previas ao 19 de maio de 1948, co agrupamento movéndose polos montes de Teo, Pontevea e o sur de Santiago na procura de colaboradores do Réxime, repartindo propaganda ou simplemente mercando tabaco. A súa presenza está confirmada hoxe pola memoria directa de persoas que daquela eran crianzas e que lembran ter visto os guerrilleiros por Lampai, Pontevea e aldeas próximas, ou mesmo pasar polas súas casas.

A Causa 262/1948 (AIMNOR), instruída contra os dous guerrilleiros que supostamente lograron fuxir o 19 de maio, é a principal fonte escrita para reconstruír os feitos ocorridos en Loureiro (Luou, Teo) no 19 de maio, aínda que condicionada pola lóxica xurídica e política do réxime e polo marco normativo que amparaba a violencia institucional dos golpistas de 1936

O sumario, dirixido polo capitán de Artillería Celestino Valcuende Fernández, recolle que o capitán da Garda Civil Nemesio Portal Aparicio ordenou unha ampla batida polos montes de Teo, Padrón e Pontevea. Sería o 19 de maio, arredor das 16:30 horas, cando supostamente se realiza un rexistro na casa de Carmen Mosquera Parajó, a casa de Vilas.

Segundo a memoria oral, alguén se “foi da lingua” e os seis guerrilleiros que descansaban no palleiro foron sorprendidos polas partidas da Garda Civil. No enfrontamento morreu un garda civil e catro guerrilleiros; dous foron abatidos preto da casa e outros dous apareceron máis afastados ao día seguinte.

O libro de defuncións parroquial indica que Manuel Agrasar Cajaraville e Vicente López Novo foron atopados mortos na mañá do 20 de maio, o que abre interrogantes sobre a cronoloxía recollida no atestado, reforzados por testemuños orais que mencionan a posible tortura e execución posterior de dous deles, “algo sobre o que as probas forenses poderían botar luz”, explican os investigadores.

Na tarde dese 20 de maio, os catro corpos foron transportados nun carro de bois polo veciño José Mosquera e soterrados nunha fosa do cemiterio da igrexa de Santa María de Luou.

Resultados positivos

Foron precisamente catro os corpos localizados e exhumados na actuación desenvolvida durante dúas semanas en Luou na área sinalada polo estudo histórico. “Inicialmente contemplouse que a fosa puidese estar baixo o osario construído en 1951, pero tras retirar o estrato superficial identificouse unha área negativa de aproximadamente 2 × 2 metros, que coincidía coa localización prevista tras a pesquisa documental”, explica Lucía Santiago, investigadora de Histagra e coordinadora do equipo en campo. Só unha das vítimas conservaba calzado e tres obxectos —un chisqueiro, unha navalla e un cinto— que están a ser analizados.

A disposición dos corpos evidenciaba un espazo de violencia: brazos en posicións antinaturais, corpos superpostos e ausencia case total de obxectos persoais. “A forma en que foran depositados podería ser compatible con que fosen botados á fosa desde arriba, algo que deberá ser confirmado polo estudo antropolóxico e forense”, explica Sergio Sánchez, director da intervención arqueolóxica e integrante de Tempos Arqueólogos, que advirte que tamén apareceron dous proxectís asociados ao enterramento, “o que reforza a interpretación dunha morte violenta coherente coas fontes históricas analizadas por Lucía”.

Da exhumación á identificación: unha nova fase

Os restos atópanse actualmente no laboratorio do IMELGA-Xunta de Galicia, onde están a ser analizados polo antropólogo forense Fernando Serrulla Rech. A seguinte fase será a análise xenética, realizada polo equipo do Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro (Incifor-USC), coa que se agarda identificar cada un dos catro individuos e restaurar a súa identidade, orixe e integridade.

Mais o proceso, como sinala o equipo de HISTAGRA, non remata coa identificación. Dentro do Plan de Memoria Democrática de Galicia están previstas accións de devolución de coñecemento á cidadanía e iniciativas de memorialización.

“O obxectivo é transformar un espazo de violencia nun espazo de coñecemento e verdade, dando un novo significado á fosa de Luou como lugar de memoria democrática, para comprender o pasado, acompañar ás familias e recoñecer a dignidade que lles quixeron arrebatar”, explican.

Plan de Memoria Democrática

O Plan Cuatrienal de Memoria Democrática de Galicia (2025–2028) foi asinado nun convenio pola Xunta de Galicia e a USC, a través do Grupo Histagra, e son os profesores de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Miguez Macho quen coordinan un equipo interdisciplinar formado por arqueólogos dirixidos polo profesor da USC Jose Carlos Sánchez Pardo, o antropólogo forense do IMELGA Fernando Serrulla Rech e o equipo de xenética do Incifor-USC dirixido por María Victoria Lareu. A execución técnica da escavación realizouna Tempos Arqueólogos.
 

Os traballos estiveronb dirixidos polo grupo Histagra da USC. Foto: Lentes Diverxentes
Os traballos estiveronb dirixidos polo grupo Histagra da USC. Foto: Lentes Diverxentes
Posible proxectil atopado na escavación. Foto: Tempos Arqueólogos
Posible proxectil atopado na escavación. Foto: Tempos Arqueólogos
The contents of this page were updated on 11.27.2025.