Skip to main content

O Consello de Goberno valora positivamente o acordo relativo aos estudos de Medicina e abre a vía da diálogo coa Facultade

Sesión do Consello de Goberno do 28 de novembro. Foto: Santi Alvite
Sesión do Consello de Goberno do 28 de novembro. Foto: Santi Alvite
A USC propón incrementar a súa oferta de prazas en 13 títulos de grao para o vindeiro curso académico

O Consello de Goberno valorou positivamente o acordo consensuado entre as universidades galegas e as Consellarías de Sanidade e de Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Decidiu ademais abrir un diálogo coa Facultade de Medicina e Odontoloxía para tratar de acadar un punto de consenso que permita a súa incorporación ao acordo proposto traballando no marco da Comisión de Seguimento.

Deste xeito, trátase de asegurar os obxectivos que figuran no marco do actual convenio ao tempo que se abre a posibilidade de, conforme avance a definición das cuestións técnicas do mesmo, se atendan e incorporen asuntos que a Facultade sinala esenciais que requiren de consenso coas outras partes asinantes do acordo.

Oferta de prazas para estudos de grao e mestrado

No órgano de goberno universitario tamén se aprobou na sesión celebrada no día de hoxe a oferta de prazas en titulacións para o curso 2026-2027. A proposta que a USC elevará á Secretaría Xeral de Universidades para a súa aprobación definitiva aumenta a súa oferta en grao nun total de 13 títulos.

Así, Dereito pasa de 170 a 180 prazas, Economía de 125 a 150, Enfermería de Lugo de 77 a 83, Empresa e Tecnoloxía oferta 45 prazas na modalidade presencial e 10 na virtual, Enxeñaría Informática ofertará 100, Física pasa de 89 a 99, Historia de 100 a 110, Química pasará a ofertar 95, Relacións laborais e Recursos Humanos (Campus de Santiago) 100, Xestión de Empresas Hostaleiras incrementa 15 prazas para chegar a 90, e, finalmente, Mestre en Educación Infantil e en Educación primaria, ambas as dúas no Campus de Santiago, pasarían a ter 80 e 120, respectivamente. Ademais, as prazas do dobre grao en Mestre en Educación Infantil-Mestre Educación Primaria no campus de Santiago increméntanse de 16 a 20.

No referido aos mestrados, incrementan o seu número de prazas os de Innovación en Nutrición, Seguridade e Tecnoloxía Alimentarias ata 25 e o de Investigación e Desenvolvemento de Medicamento a 25. Pola contra, diminúen a oferta o de Materiais Avanzados de 10 a 5 e o de Visión por Computador de 7 a 6. Por outra banda, apróbase a oferta de prazas dos mestrados en Matemáticas con 20 presenciais e 20 virtuais, en Prevención e Abordaxe Multidisciplinar das Drogodependencias e Conductas Adictivas con 10, en Psicoloxía do Traballo, as Organizacións e os Recursos Humanos con 25, en Traballo Social no Ámbito Sanitario con 8, en Vehículos Autónomos con 8 e Química Teórica e Modelización Computacional con 7 prazas.

Ramón y Cajal

A USC ofertará un total de 25 prazas de investigador/a Ramón y Cajal, das que cando menos unha corresponderá a cada unha das 19 áreas temáticas sinaladas na propia convocatoria, co que se garante que todas sexan susceptibles de recibir cando menos un investigador RyC. Ademais, ofrecerase unha segunda nas que presentan un maior déficit docente estrutural, como son Ciencias Matemáticas; Tecnoloxías da Información e da Comunicación; Dereito; Mente, linguaxe e pensamento; Economía; e Ciencias Sociais.

Esta oferta de prazas aprobouse hoxe na xuntanza do Consello de Goberno, nunha convocatoria que recolle tamén os criterios de adscrición e para incorporarse no ano 2026.

Quantum Computing Lab

Na mesma xuntanza, deuse para adiante ao convenio de colaboración co CESGA para a creación da Unidade Mixta Quantum Computing Lab, especializada en tecnoloxías cuánticas aplicadas á física de partículas, á física nuclear e a campos relacionados, constituída conxuntamente polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e pola USC a través do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE).

A unidade, que estará emprazada nas instalacións do IGFAE, créase para fomentar o desenvolvemento conxunto de actividades científicas, tecnolóxicas e educativas de alta calidade e para contribuír ao fortalecemento do ecosistema galego e europeo de investigación en ciencia e tecnoloxías cuánticas.

Outros asuntos
En materia de xestión académica someteuse tamén a aprobación a modificación do Regulamento de Planificación Académica, o Calendario de Planificación Académica Anual do curso académico 2026/2027 e a modificación do acordo sobre a esixencia de nivel de coñecemento de lingua galega ou española para a matrícula en estudos de grao, máster e doutoramento oficial. Os parámetros de ponderación de materias para o acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao do SUG no curso 2027-2028 foron outras das cuestións tratadas.

Deuse ademais o visto bo a diversos puntos relacionados con titulacións, como propostas de modificacións non substanciais de memorias de títulos e de creación de novos para a súa implantación nos cursos 2026-2027 e 2027-2028, a modificación do Regulamento de Estudos Propios da USC e de regulamentos de fin de estudos, diversas memorias de estudos propios ou a adscrición funcional de materias de grao e mestrado universitario a departamentos e áreas de coñecemento para o curso 2026-2027.

En materia de persoal, debatéronse os criterios de adscrición, a modificación da Planificación de PDI 2025 e a asignación de quinquenios como consecuencia de recursos da convocatoria 2024.

Outros asuntos

A proposta de creación dunha Unidade asociada ao CSIC, os logotipos do ILG e do iTERRA e a modificación do Regulamento polo que se establece o réxime de redución docente e de retribución de cargos e responsables académicos na USC foron outros puntos tratados na xuntanza, que se completou coa aprobación da adhesión á UNESCO Media and Information Literacy Alliance, a designación do representante da USC no Consello Asesor da EGAP e de director/a en funcións do Departamento de Enxeñaría Agroforestal e da axuda económica institucional ás campañas electorais da elección de reitora ou reitor.
 

The contents of this page were updated on 11.28.2025.